PARLAMENTO GALEGO

PP rexeita unha iniciativa de BNG para investigar á empresa Babcock do servizo de helicópteros para salvamento marítimo

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez salienta a relevancia do  servizo de vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo e pide sancionar á empresa  por incumprir as condicións  do contrato
PP rexeita unha iniciativa de BNG para investigar á empresa Babcock do servizo de helicópteros para salvamento marítimo

A deputada e portavoz en materia de pesca do BNG, Rosana Pérez instou á Xunta a “investigar as posíbeis responsabilidades da  empresa Babcock España, adxudicataria do servizo e mantemento de helicópteros de Gardacostas de Galiza”, así como  penalizar os presuntos incumprimentos do contrato.

O texto defendido pola nacionalista foi rexeitado polo grupo maioritario do Partido popular por considerar que as demandas do BNG xa foran atendidas  pola consellería de Pesca, resposta que non convenceu a Rosana Pérez  que  de novo   reclamou investigar, aplicar as penalizacións establecidas no contrato por  posíbeis incumprimentos do mesmo,  poñer en marcha  mecanismos legais para a rescisión do contrato con Babcock  España e iniciar  actuacións  para recuperar a xestión pública do Servizo de Gardacostas de Galiza.

O PP exculpa á Xunta e á empresa

A deputada do BNG lamentou que o PP votara en contra da iniciativa nacionalista e criticou que  o Partido popular “exculpa á Xunta e a empresa” e mesmo cualificara  de “satisfactorio o cumprimento do contrato”.

Na súa intervención, a parlamentaria explicou que o pasado mes de outubro o  BNG  denunciaba no Parlamento  determinados incumprimentos da empresa Babcock España, adxudicataria dos servizos de operación e mantemento dos helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galiza, e dende aquela, dixo, continúan as irregularidades das  condicións establecidas no prego de contratación, sen que nos conste que a Consellería tivese velado polo   seu cumprimento. “Moi ao contrario”, Babcock España ten tomado distintas medidas coercitivas contra os  traballadores e mesmo algún despido aducindo “diminución continuada e voluntaria do traballo”.

O incumprimento sistemático das prescricións contractuais por parte da empresa e a situación intolerábel á que está a someter aos seus traballadores debera ser motivo de atención inmediata, por parte da Consellería do Mar, sobre todo porque é “un servizo vital para a xente do mar e ponse  en grave risco ás tripulacións e a  resposta da seguridade”.

Rosana Pérez lembrou os graves incumprimentos  xa denunciados  no mes de outubro, como o mantemento durante dúas semanas do Pesca 1 de Vigo sen flotadores, elemento de seguridade vital que o propio contrato recolle como obrigatorios, e mantendo ese helicóptero operativo pero limitando a súa operatividade a unha distancia de 20 millas. “limitación da que a Xunta debería ter coñecemento”, remarcou.

Ademais, engadiu, o 30 de outubro, mentres o Pesca 1 de Vigo continuaba  nesas condicións foi  solicitado un servizo para facer unha evacuación médica a unhas 90 millas das illas Cíes, ante as  limitacións do Pesca 1,  foi atendido polo Helimer 402 da Coruña que trasladaría ao capitán do buque quimiqueiro “Gogland” ata o aeroporto de Vigo. “Quen pode saber si o Pesca 1 estivera operativo e ao lado da Illas Cíes podería trasladar ao tripulante a terra e o desenlace non sería o seu falecemento”, preguntou. É algo que evidentemente,  “nunca saberemos”.

A partir de aí, a empresa traslada o helicóptero con  base en Viveiro á base  de Vigo con total operatividade e mantén na base da Mariña de Lugo un helicóptero de substitución que, de novo, “non cumpre os requisitos esixidos no contrato”. Un  helicóptero que sen as capacidades suficientes para desenvolver o traballo con garantías leva na base de Viveiro case o 50% dos días de servizo no que vai de ano.

Por outra parte, a nacionalista recriminou ao Partido popular por  responsabilizar a un piloto de non estar operativo ao encontrarse  realizando unha formación. Unha empresa destas características, explicou  a deputada, ten a “obriga de contar con pilotos suficientes” e de non ser así, “é responsabilidade da propia empresa como figura no contrato”.

 

PP rexeita unha iniciativa de BNG para investigar á empresa Babcock do servizo de helicópteros para salvamento marítimo