O PP rexeita establecer condicións para a venda de Novagalicia Banco

Jorquera defendeu unha proposta para demandar do FROB a publicación do prego de condicións da compra de NCG Banco, asegurar a recuperación do diñeiro público investido, completar a restitución do diñeiro das persoas estafadas polas preferentes e asegurar a permanencia en Galiza da colección artística da entidade financeira

Intervención de Francisco Jorquera no Parlamento galego

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera levou de novo ao Parlamento a través dunha Proposición non de lei o futuro de Novagalicia Banco.

Na súa intervención, Jorquera instou á Xunta a demandar do FROB a publicación do prego de condicións da compra de NCG Banco, recuperar os cartos públicos investidos, devolver o diñeiro aos estafad@s polas preferentes, manter os postos de traballo, servizos centrais e rede comercial en Galiza e asegurar a permanencia no noso país da colección artística da entidade.

No caso de non cumprir estas condicións, o nacionalista esixiu a “inmediata paralización do proceso de venda da entidade galega”.

O deputado destacou a importancia estratéxica da entidade e a permanencia de NCG Banco como Banco galego no aforro dos galegos e galegas, “esta permanencia, dixo, está ameazada polo anuncio do FROB de vendela antes do remate do ano a través dunha poxa”.

Por outra parte, denunciou o “negocio ruinoso” da venda para todos e todas as contribuíntes ao seren investidos 9.000 millóns de euros de recursos públicos para o seu saneamento que non serán recuperados.

Finalmente, o deputado agradeceu o apoio do grupos da oposición á iniciativa nacionalista e lamentou que unha vez máis, o PP votara en contra de asegurar o futuro de Novagalicia Banco en Galiza, a pesar de defender publicamente o contrario.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG