PP e PSOE rexeitan a intervención pública de Barreras que propón o BNG para salvar o emprego

Carmela González
Carmela González
Carmela González reproba a oposición das dúas forzas estatais ás que recrimina a súa inacción en defensa do sector naval galego en Madrid    

BNG propuxo no Parlamento galego a intervención pública en Barreras para garantir o futuro do estaleiro, que se atopa nestes momentos sen actividade e “con 0 contratos”, segundo recalcou a deputada Carmela González na defensa dunha iniciativa ante a comisión parlamentaria de Industria que foi rexeitada por PP e PSOE.

González reprochou a ámbalas dúas forzas estatais a súa negativa á iniciativa nacionalista e a súa falta de compromiso real co estaleiro vigués e co sector naval galego e, neste sentido, cuestionou: “cantas iniciativas fixeron no Congreso ou no Senado sobre a situación de Barreras? Cero”, afeou, para engadir a continuación que “temos un alcalde en Vigo que presume de ter liña directa co goberno estatal e que o único que fixo foron dous anuncios publicitarios a finais de ano dicindo que estaba todo solucionado e xa vemos”. De igual xeito, reprochou ao Goberno do PP que “temos unha delegada da Xunta que en seis meses nin sequera nomeou o concepto ‘sector naval’ en Vigo”. “E o sector naval e Barreras van a pique”, recriminou con severidade.

Logo de defender a necesidade dunha intervención pública en Barreras e dun plan industrial para o sector naval por parte do Executivo galego, a deputada nacionalista reclamou do PSOE “a mesma agresividade” empregada no seu rexeitamento á proposta do BNG, “pero en Madrid; a ver se así conseguimos que se solucione a crise industrial do sector naval galego”, ironizou. “A SEPI acaba de financiar á empresa Plus Ultra porque a considera unha industria estratéxica a nivel estatal; pois é exactamente o mesmo que pide o BNG -incidiu- que financie empresas estratéxicas para o noso país, como Barreras ou como Alcoa”.   

Así mesmo, reprochou ao PP o seu “ir atrás” na defensa do sector: “ese é o gran problema; que a Xunta sempre vai atrás”, criticou, para reclamar a continuación que o Goberno galego “se poña diante” e lidere a recuperación do naval cun plan industrial para o sector. “Temos que deixar de poñer parches e desenvolver un plan industrial para o sector naval que faga que a Xunta vaia diante, que a Xunta pule polo sector naval galego”, subliñou despois de criticar a inacción do PP neste ámbito con distintos exemplos e entre os que citou o último buque construído no estaleiro vigués, que foi trasladado a Santander para o seu pintado e que finalmente será rematado na comunidade cántabra. “Mentres o señor Revilla xa anunciou unha visita ao estaleiro Astander para celebrar que o Evrima vai ser rematado alí, o presidente Feixóo e o conselleiro Conde, nin están nin se lles espera”, cuestionou.   

Nesta liña, González negou que, tal e como dixo o titular da Xunta, Galiza lidere o sector naval a nivel estatal. “Non é certo; Asturias lidera o sector naval co 44% de novos contratos, fronte ao só 8% en Galiza”, puntualizou, para engadir que son os novos contratos precisamente os que indican o futuro que teñen os estaleiros galegos. “E Barreras ten cero contratos, cero carga de traballo para o futuro”, concluíu.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG