congreso

PP e PSOE emendan en Madrid o texto da transferencia da AP-9 que votaron favorabelmente na Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego: "Nas emendas xa non falan de transferencia da infraestruturas se non da transferencia da xestión. O PSOE está traizoando os intereses do noso País, incumprindo o acordo de investidura e de paso emendando a plana aos seus cargos na Galiza
Néstor Rego recriminou a actitude de PP e PSOE por presentaren emendas á Lei de Transferencia da AP-9 despois de “ser aprobada de maneira unánime na cámara galega, co consenso de todas as forzas políticas”. O BNG xa adiantara que “por responsabilidade e respecto a ese acordo unánime do Parlamento” non presentaría emendas e para que se tramitase a Lei de maneira máis áxil.

Néstor Rego cualifica de “medidas dilatorias” as emendas presentadas por PP e PSOE que, ademais, se autoemendan, pois votaron a favor dun texto na Galiza, e mesmo o defenderon no Congreso, que agora queren mudar.

Rego denuncia que o PSOE quere modificar substancialmente o obxectivo dunha lei que sae por unanimidade no Parlamento de Galiza. “Nas emendas xa non falan de transferencia da infraestruturas se non da transferencia da xestión. O PSOE está traizoando os intereses do noso País, incumprindo o acordo de investidura e de paso  emendando a plana aos seus cargos na Galiza, porque hai que lembrar que Gonzalo Caballero defendeu esta Lei no Congreso. Agora tenta xustificar que o seu propio partido o desautorice” salienta Rego.

No caso do PP, o deputado nacionalista sinala que actúan de maneira demagóxica, pois agora ármase en defensor da AP-9 unha forza política que foi a que máis encareceu as tarifas, para alén de prorrogar de forma opaca a concesión durante 25 anos. “No texto da Lei fica claro que o Estado debe asumir todas as obrigas económicas derivadas dos compromisos previamente estabelecidos, ademais de que as condicións concretas da transferencia deben ser acordadas na Comisión Mixta entre o Goberno galego e o español”, subliña.

Por último, o deputado nacionalista comprométese a traballar para que a AP-9 sexa transferida canto antes e defender que esta Lei saia adiante. “Chamamos a responsabilidade do PP e PSOE para que non dilaten máis a transferencia da autoestrada do Atlántico. O obxectivo do BNG é que isto sexa o primeiro paso para podermos ter canto antes unha AP-9 galega e sen peaxes”, conclúe.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG