PP e PSOE dan por boas as prórrogas ilegais da AP-9 e o saqueo de 4.500M a galegos e galegas

Luís Bará
Luís Bará

O voto en cotra do PP e a abstención do PSOE impediu que prosperara a iniciativa do BNG para reprobar as sucesivas prórrogas ilegais aprobadas por ambos partidos en Madrid

Luís Bará afirmou que as decisións do Estado sobre a ampliación da concesión da AP-9 están “baixo sospeita, bordeando a prevaricación e o desvío de poder”

 

Tras o informe da Comisión europea cuestionando ás prorrogas de ampliación  da AP-9, o portavoz de Infraestruturas do BNG, Luís Bará reclamou “un pronunciamento” da Cámara galega ao tempo que demandou reprobar os diferentes gobernos que asumiron esta decisión que provocou “moitos agravios” aínda sen resolver.

O voto desfavorable do PP e a abstención do PSOE impediu que prosperara a iniciativa do BNG

Na defensa da proposta, o  nacionalista lembrou que despois de 3 acordos unánimes no Parlamento galego durante cinco anos, a transferencia da AP-9 foi paralizada polo “veto do Partido popular en Madrid no goberno e no Congreso” e se non abondase “esa traizón” do PP agora tamén quere sumarse ao veto o PSOE.

Bará afirmou que a única boa noticia que rodea a AP-9 foi a rebaixa aplicada neste ano grazas a negociación do BNG no acordo de investidura, “para iso serve ter voz propia en Madrid” recalcou e o BNG cun só deputado defende os interese de Galiza mellor que os 21 do PP e PSOE.

Decisións do Estado baixo sospeita

Para o deputado do BNG, as decisións dos diferentes goberno do estado nas prorrogas a AP-9 “están baixo sospeita, bordeando a prevaricación e o desvío de poder” e os responsables dos “abusos” foron  premiados coa medalla de Galicia e con cadeiras en consellos de administración, “unha auténtica burla, unha estafa e un aldraxe” que dende o BNG non imos consentir, enfatizou.

Unha das decisións máis escandalosas, que está no punto de mira da Comisión Europea, explicou o nacionalista, é a ampliación da concesión do goberno de Aznar, con Arias Salgado como ministro de Transportes por “25 anos máis, do 2023 ao 2048”. Decisión agravada 3 anos despois pola venda de ENA (AUDASA), o 25 de xullo de 2003 por 1.586 millóns a un grupo de empresas liderado pola construtora SACYR que dous despois “fichou a Arias Salgado para o consello de administración” nun novo exemplo de “portas xiratorias”.

A ampliación da concesión e  financiamento  deu lugar a un informe “demoledor” do Tribunal de Cuentas no ano 2004  que incidía no “cuantioso volumen de recursos económicos provenientes tanto de los mayores beneficios tributarios y financieros por el estado, como por los mayores ingresos por peajes”, un “gran pelotazo e estafa”, en opinión do deputado do BNG.

Non só o negocio millonario das peaxes até 2048 (4.500 millóns) senón tamén a ampliación do prazo para devolver o préstamo de 118 millóns “sen intereses e reintegrábel” en 40 anos, engadiu.

PP e PSOE deben pronunciarse a favor de Galiza ou da concesionaria

Estamos dentro do prazo establecido pola Comisión europea para que o goberno responda e até  agora as posicións  foron moi ambiguas e pouco alentadoras. PP e PSOE “miran para outro lado” porque teñen “moito que agochar” nas decisión que agora a Comisión europea considera ilegais.

En defensa das persoas estafadas e dos intereses galegos, dende o BNG propoñemos un acordo parlamentario para “reprobar os gobernos que aprobaron as ampliacións da concesión e demandar  do Goberno do Estado vías para anular as prorrogas concedidas de maneira ilegal”.

“Seremos insistentes, persistentes e incansábeis para acabar cos abusos, a fraude e o roubo da AP-9, rematar co agravio e conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”, concluíu o nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG