Montse Prado: "PP e PSdeG-PSOE repártense unha vez máis as cadeiras da Valeduría do Pobo"

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado afirma que son “nomeamentos de parte” e cualifica de  “oportunidade perdida” a elección da Valedora e Vicevaledora 

A parlamentaria do BNG, Montse Prado xustificou o voto en contra do BNG á vicevaledora do Pobo galego nomeada hoxe na Comisión de peticións celebrada no Parlamento galego afirmando que, tanto a elección da valedora como da vicevaledora son produto dun “pacto” entre o PP e PSOE sen diálogo coa oposición e con nomeamentos “de parte”.

Prado explicou que hai catro ano o PP e PSOE consumaban un pacto que agora volven a reeditar e cun “reparto de cadeiras” cun resultado  nefasto en alusión ao paso de Milagros Otero pola institución.

A  deputada estendeu  o pacto entre PP e PSOE tamén  ao Consello de Contas e a CRTVG. Un pacto, dixo, que non significou “ningunha mellora para os galegos e galegas” e basta recordar a unha valedora do pobo condenada por desviación de poder, tras convocar  unha praza “ad hoc” para  a irmá do portavoz do Grupo parlamentario do PP, Pedro Puig e un Consello da CRTVG que levou aos medios públicos galegos a vivir o seu peor momento. Prado   lembrou que os traballadores e traballadoras da CRTVG manteñen as súas protestas despois de 63 semanas vestindo de negro para denunciar a manipulación informativa, o desmantelamento dos medios públicos e dificultades para desenvolver o seu traballo con criterios profesionais.

Prado reiterou que os postos de Valedora e Vicevaledora “foron repartidos” entre o PP e PSOE sen buscar un cambio de políticas e melloras na institución e baixo a estratexia de “control das institucións”. Neste sentido, cualificou de “oportunidade perdida” e a reiteración da alternancia no reparto sen dialogo e acordo co resto das forzas políticas. O PP e PSOE, afirmou, volven a “aproveitarse das institucións públicas”.

Para a nacionalista, a Valedora do Pobo, María Fernández Galiño e a Valedora adxunta, María Xosé Porteiro exercerán os seu cargos “de parte” e  baixo as directrices do PP e PSOE. No caso da vicevaledora elixida hoxe, explicou, o PSOE apostou por unha persoa que foi deputada no Parlamento galego e no Congreso ademais de desempeñar diversas funcións noutros organismos da Xunta de Galiza. Tras recoñecer a traxectoria feminista e progresista  de Porteiro, a parlamentaria advertiu que á Valeduría do Pobo recolle as denuncias dos galegos e galegas nos diversos ámbitos da vida social e laboral e grande parte deses  conflitos, remarcou, están  motivados por políticas  das que son responsables ambos partidos.

Finalmente, Montse Prado reiterou que o Partido popular e Partido socialista perseveran no erro dunha elección “de parte” e non de consenso e diálogo.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG