O PP ponse de lado das entidades financeiras, no canto de apoiar a consumidoras e consumidores

Mon Fernández
Mon Fernández

Mon Fernández advirte que a autoridade administrativa que prevé crear o Goberno estatal neste de ámbito invade competencias exclusivas de Galiza e estará baixo a influencia dos intereses financeiros

O deputado nacionalista Mon Fernández defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para que a Xunta defenda o ámbito e exercicio das súas competencias en materia de consumo e nomeadamente as competencias do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) en materia de resolución extraxudicial de reclamacións en materia de consumo, mesmo a entidades financeiras.

Segundo argumentou na comisión parlamentaria de Economía, non pode ser o Banco de España quen resolva as reclamacións presentadas fronte ás entidades do sector, senón que ten que ser un organismo independente, con competencia técnica “e sobre todo, próximo ao cliente financeiro e libre de calquera vinculación ou relación co sector”.

A xuízo do deputado nacionalista, a proposta que a día de hoxe manexa o Goberno estatal para a constitución dunha autoridade administrativa independente de defensa do cliente financeiro “non responde a estas esixencias” e “invade competencias autonómicas".

Fernández incidiu en que tal e como se deseñan os seus órganos de goberno, esta autoridade independente non vai estar libre da influencia de organismos como o Banco de España ou a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que, segundo dixo, “se algo teñen demostrado é que son, máis que supervisores, organismos en última instancia ao servizo das entidades financeiras, aos que non lles treme o pulso para tomar decisións ou facer recomendacións en contra dos intereses das e dos clientes financeiros”.

Neste sentido, reafirmou a posición nacionalista de que non está xustificado que as reclamacións bancarias se tramiten ou se resolvan por organismos exclusivos e diferentes dos que se encargan de todas as demais reclamacións en materia de consumo. “Non hai razóns de complexidade técnica ou regulatoria que poidan xustificar este tratamento -subliñou-; existen outras materias igual ou máis complexas no sector das telecomunicacións ou da comercialización de enerxía que se tratan polos organismos, digamos ordinarios, de defensa da competencia e, en todo caso, o que correspondería sería fortalecer estes organismos e dotalos dos medios necesarios”.

A isto sumou que a creación dun organismo exclusivo para esta cuestión non poderá evitar as sospeitas sobre a súa parcialidade, algo que, segundo advertiu, “vai inhibir evidentemente a presentación de reclamacións, o que resulta contrario, xa de inicio, ao espírito que debe presidir un organismo de defensa das persoas consumidoras e usuarias”.

O deputado nacionalista alertou ademais da invasión de competencias autonómicas xa que, no caso de Galiza, o artigo 30 do Estatuto de Autonomía establece como competencia exclusiva a defensa do consumidor e do usuario, encomenda estatutaria que ten atribuída o IGCC.

“Dende o BNG entendemos que este organismo autónomo galego debería ser o competente para resolver as reclamacións extraxudiciais presentadas contra as entidades financeiras polos servizos prestados ou os produtos comercializados no territorio do noso País”, afondou, para lembrar a continuación que o Instituto xa ten realizado “dun xeito moi solvente” arbitraxes nesta materia, nomeadamente con ocasión da crise provocada pola comercialización masiva en Galiza dos produtos coñecidos como “preferentes”.

Abrir o debate para a reforma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia

De igual xeito, Fernández defendeu a necesidade de abrir un debate cos distintos grupos parlamentarios e o Consello Galego de Consumidores e Usuarios para a reforma do IGCC co obxectivo de mellorar o tratamento e cobertura das necesidades que a actual sociedade de consumo e os novos modelos de relación entre empresas e persoas consumidoras e usuarias presentan.

Nesta liña, apelou ás profundas transformacións nos modos de consumo, con empresas de cada vez maior tamaño afastadas das e dos seus clientes finais e as prácticas de moitas delas e dos seus departamentos de atención ao cliente que, segundo alertou, “son as máis das veces labirintos deseñados para evitar a baixa dun contrato, a rectificación dunha factura ou a devolución dun produto”.

Por último, considerou necesario modernizar o Instituto, “redimensionalo adecuadamente, repensar a figura dos árbitros e mesmo separar as funcións relativas á defensa das persoas consumidoras e usuarias das relativas á defensa da competencia, que moitas veces teñen a ver con problemáticas entre empresas ou entre empresas e a propia Administración pública”. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG