O PP non atende as demandas da comunidade educativa do CEIP Ramón de La Sagra da Coruña

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas

Mercedes Queixas pide que se cubra a praza de educación primaria, mais o goberno da Xunta di que "non é necesario cubrila".

A deputada asegurou que situación non favorece o proxecto educativo nun centro cunha alta demanda de matriculación e recrimina as contratacións a media xornada e “profesorado con decimais”

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a  portavoz de educación do BNG, Mercedes Queixas  reclamou a reposición da praza de profesor ou profesora de Educación primaria  no CEIP Ramón La Sagra en A Coruña.

Educación responde ao BNG que non é necesario cubrir a praza

Tras a resposta do Director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, que aludiu ao  catálogo  de 29,5 docentes no primeiro trimestre e 29 no segundo con titorías compartidas,  a deputada do BNG explicou que a realidade é  que no centro falta “un docente para educación primaria” e segundo a información coa que contamos, afirmou, “a consellería tampouco ten previsto cubrir a praza no concurso de traslados”. Vostedes, xestionan a educación como un exercicio contable  “con números ou medios números, medios profesores e prazas con decimal”, e aínda se atreven a afirmar que o centro conta cun docente máis, criticou a nacionalista.

Para a deputada, a situación do centro Ramón de la Sagra responde a “incompetencia” da Consellería de Educación ao que sumou “falta de organización e previsión”. Por outro lado, tamén trasladou ao director xeral de Centros o “malestar do claustro e das familias pendentes de seren recibidas”. Pero o máis grave, recalcou, “é a atención insuficiente dos nenos e nenas no curso máis delicado”, realidade que mesmo acadou o requirimento de resolución por parte da Valedora do Pobo.

A deputada pediu a educación que rectifique e abandone a “longa listaxe de perda e baleirado de recursos humanos na educación pública” e volveu a criticar a intención do Partido popular de “sacrificar a eficacia da escola pública” para priorizar a “eficiencia económica”.

Mercedes Queixas lamentou que despois do aprazamento  da pregunta do BNG en comisión durante quince días,  hoxe o responsable de centros xustifique a decisión de non repoñer un ou unha  docente baixo a escusa de “criterios pedagóxicos” cando, ao seu xuízo non existe ningún criterio que  xustifique que un curso de primaria quede sen titor. 

Vostedes, recalcou  “ven ao profesorado como números” e como “decimais e gasto” e dende o BNG consideramos que non se pode construír “unha escola pública a base de retallos e partes ao longo do curso” esa non  é unha escola que eduque de maneira cohesionada. “Neste centro falta un docente para educación primaria” e a única opción é saber como se vai repoñer.

Esta situación quebranta a estabilidade do centro e a calidade educativa dos nenos e nenas. A falta dun titor ou titora colide coa calidade educativa e a alteración nun grupo afecta a todo o centro, reiterou.

A deputada volveu a demandar a reposición do docente e preguntou porque  razóns  esta praza non aparece reflexada no concurso xeral de traslados  xa en marcha para o vindeiro curso.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG