O PP négase a mellorar as condicións laborais do profesorado do CELGA

Rodil en comisión
Olalla Rodil
  • O PP votou hoxe en contra da proposta do  BNG para retribuír os desprazamentos e planificar outra ordenación dos cursos ampliando o tempo de contratación do profesorado dos  Cursos de ensino de lingua galega

A portavoz de educación do BNG, Olalla Rodil lamentou hoxe que o Partido popular rexeitara “mellorar as condicións laborais do profesorado CELGA”. A deputada  explicou que na actualidade o profesorado dos cursos de ensino de lingua galega (CELGA) está contratado como “persoal indefinido descontinuo a media xornada” entre dous e catro meses ao ano.

Asemade, engadiu que o profesorado debe desprazarse a outras localidades para impartir as clases, “desprazamentos que non son retribuídos” polo que reclamou o pago dos mesmos.

Por outra parte, a deputada tamén  indicou que este ano foron cancelados os cursos de CELGA en Monforte, Sarria, Carballiño, Verín e Xinzo de Limia por non contar con profesorado para impartilos, a pesar de existir “demanda suficiente”.

Rodil insistiu en que en moitas ocasións o profesorado do CELGA vese abocado a renunciar aos cursos polas precarias condicións laborais que Política Lingüística lles ofrece, calquera de nós, dixo, “tamén renunciaría se tiveramos que pagar por traballar”.

A parlamentaria censurou a actitude do Partido popular e lembroulle o conflito laboral do profesorado do CELGA despedido pola Xunta de Galiza tras as denuncias das condicións de traballo, “sen contrato nin Seguridade social” e que finalmente a xustiza obrigou a que foran readmitidos. “Na sentenza do TSXG sinalouse a actitude represiva coa que actuou a Xunta”, recalcou a nacionalista.

Rodil reiterou que a iniciativa do BNG pretendía garantir os cursos do CELGA sempre que houbera demanda suficiente ao tempo que reclamaba “condicións dignas” para o profesorado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG