PARLAMENTO GALEGO

O PP elimina o Bacharelato na Universidade laboral de Culleredo en contra da comunidade educativa

Mini Rivas
Mini Rivas
Xosé Luís Rivas  pediu a Educación abrir un diálogo coa comunidade educativa e non desmantelar  unha  liña educativa que vén de ser galardoada polo Ministerio de Educación co Premio Nacional ás Melloras Prácticas Docentes.
O PP elimina o Bacharelato na Universidade laboral de Culleredo en contra da comunidade educativa

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu hoxe unha proposición non de lei para manter os estudos de Bacharelato no IES Universidade Laboral  e melloras nas instalación dos centros de educación secundaria no Concello de Culleredo.

Trala votación da proposta, o nacionalista lamentou que unha vez máis, o “Partido pular non escoite á comunidade educativa” e as  demandas das familias dun concello cun grande crecemento demográfico e que precisa de centros educativos, “non da súa eliminación”.

Por outra parte, o deputado tamén reclamou dotar á zona rural de Culleredo dun centro de Educación Secundaria Obrigatoria e equipar de instalacións os centros de Educación non universitaria.

Na súa intervención, na comisión de Educación,  criticou a decisión da Xunta de desmantelar unha liña educativa que foi premiada co Premio Nacional ás Mellores Prácticas Docentes outorgado polo Ministerio de Educación. A xuízo do nacionalista, eliminar o bacharelato da Universidade Laboral de Culleredo supón “o desmantelamento da sección dun centro que conta cos recursos necesarios para impartir máis liñas de bacharelato e  mesmo ampliar a súa oferta de especialidades”.

O alumnado actual, explicou o deputado do BNG,  escolleu  o centro libremente cun   incremento de matrícula no primeiro curso  do 300% respecto ao anterior. A eliminación  do bacharelato supón  o traslado ao edificio das Mariñas, que alberga as instalacións de Marítimo-Pesqueira para deixarlle o sitio ao que se pretende facer. “As instalacións de Marítimo-Pesqueira, teñen unhas equipacións moi especiais, nas que se formaron os patróns e motoristas de toda a Costa da Morte entre outras zonas de  grande tradición pesqueira”.

Para o deputado resulta “inxustificable” que o Partido popular desmonte   unhas instalacións que funcionan por  un destino incerto. “Educación pretende mover o módulo de Marítimo Pesqueira desde unhas instalacións valiosísimas a unhas inadecuadas”, recalcou.

 Finalmente,  Rivas explicou  que , Culleredo é un concello de 30.000 habitantes, limítrofe á cidade da Coruña que medrou demograficamente desde os anos 80 e que continua  incrementado a poboación  por natalidade e  recepción de persoas inmigrantes , da cidade, de Galiza  e do exterior. O “lóxico”, nun concello destas características  é construír máis centros educativos e non eliminalos polo que  volveu a reclamar á Xunta unha rectificación e desistir da decisión de eliminar o Bacharelato na Universidade Laboral do concello de Culleredo.

O grupo maioritario do Partido popular impediu que a proposta nacionalista prosperara.
O PP elimina o Bacharelato na Universidade laboral de Culleredo en contra da comunidade educativa