O PP di non ao plan urxente do BNG para mellorar a atención primaria dotado con 223 millóns de euros

Montse Prado
Montse Prado

Monte Prado: “É a porta de entrada ao sistema sanitario, pero está afogada polos recortes do PP que restaron 2.000 millóns de euros desde a chegada de Feixóo”

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, defendeu a proposición de lei do BNG para dotar a atención primaria de 223 millóns de euros adicionais, para sufragar un plan de mellora urxente da que é a gran damnificada das políticas de recortes, de desmantelamento e de privatización da sanidade pública do PP.

“A atención primaria está afogada, colapsada, non é resolutiva e iso deriva en fragmentación do sistema”, salientou Prado, tras lembrar que pese a ser a porta de entrada ao sistema, a atención primaria soportou un recorte anual de 234 millóns de euros desde 2009 e un recorte acumulado de 2.000 millóns de euros desde a chegada de Feixóo á Presidencia da Xunta.

Para dotar este plan urxente de implantación inmediata, o BNG propón unha dobre vía de financiamento, por un lado a fiscal e, por outro, a da modificación de partidas orzamentarias.

Pola vía impositiva, a formación nacionalista aposta por incrementar o IRPF ás rendas máis altas, rebaixar a exención do pago do imposto de patrimonio desde os 700.000 aos 300.000 euros e impoñer un imposto de nova creación ás grandes superficies. Cambios que permitirían recadar 135 millóns de euros. Ao que se sumarían 92 millóns de euros a través de diferentes modificacións dos orzamentos deste exercicio.

“Non é a solución a todos os problemas da atención primaria, acosada por un desmantelamento estrutural, pero sería un punto de inflexión”, recalcou Prado na defensa desta proposición de lei. Entre os problemas que o BNG quere atallar con esta inxección orzamentaria: a masificación das consultas con profesionais con cupos moi por riba das ratios marcadas, a falta de substitucións por xubilación, vacacións, licenzas ou permisos, listas de espera dunha semana, axendas pechadas ou consultas que quedan desatendidas cando os profesionais teñen que atender urxencias fora do centro.

“Hai un sentimento xeral de que a atención primaria está avanzando cara un deterioro clamoroso”, salientou Prado, con centros de atención primaria nos que @s pediatras son “unha especie en vías de extinción”, desmantelamento que ten unha repercusión directa no colapso das urxencias hospitalarias.

Por iso, o BNG “considera imprescindíbel un cambio de rumbo na política sanitaria do PP” e, para  o caso concreto da atención primaria, demanda dotación de persoal para que médicos e enfermeiras teñan un máximo de 1.250 tarxetas sanitarias, poñer en marcha unha política de substitucións, mellorar os equipamentos nos centros de saúde, permitir acceso ás probas diagnósticas e habilitar un proceso de formación que se adapte ás necesidades reais dos e das profesionais do SERGAS, concluíu Prado, medidas que frea o veto das filas populares a esta proposición de lei do Bloque.

Na rolda de intervencións o PP anunciou o seu voto en contra de dotar 223 millóns de euros dos orzamentos da Xunta á mellora da atención primaria.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG