Posición do BNG a respecto de Alcoa: retirada do ERE, mesa de negociación e Tarifa Eléctrica Galega

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón critica que Feixóo estea máis preocupado en buscar culpables que solucións e salienta a vantaxe de ter tarifa propia: “En Euskadi ningunha factoría pecha polo custe da enerxía”

Quere que tanto empresas como familias se beneficien de ser Galiza produtora excedentaria de electricidade

Tras o éxito da manifestación, o BNG pide á Xunta e ao Goberno central  estar “á altura das circunstancias” para garantir a continuidade de ALCOA e manter o 100% do emprego, e desde Galiza propón unha “posición de país” que defenderá no Parlamento na comparecencia do Goberno sobre este asunto, crucial para A Coruña e Galiza.

En concreto, esa posición común que propón o Bloque recolle tres puntos. Primeiro conseguir a retirada do ERE de extinción, -para o que a portavoz nacional, Ana Pontón, pide “contundencia” en todas as administracións implicadas; en segundo lugar, unha mesa de negociación na que figuren Administracións, empresa e parte social; e en terceiro lugar, unha tarifa eléctrica galega.

Pontón lamentou que, ata o momento, o presidente da Xunta “estivese máis preocupado en buscar culpables que en buscar solucións” e pídelle que se realmente quere defender os intereses e Galiza “deixe de vetar a tarifa eléctrica galega para que empresas e familias se beneficien de ser este un país produtor, porque resulta inexplicable que sendo excedentarios de enerxía centos de empregos estean ameazados polo prezo da electricidade”.

Unha tarifa propia como a que xa ten o País Vasco, que lle permite aforrar 120 millóns de euros as fábricas electrointensivas: “Non vexo ningunha empresa anunciando peches en Euskadi por culpa do custe da electricidade”, indicou, “e alguén nos ten que explicar por que existe unha tarifa eléctrica vasca e se veta unha tarifa eléctrica galega”.

Pontón sinalou que unha tarifa eléctrica galega beneficiaría non só ás empresas senón tamén as familias, e criticou que o marco normativo eléctrico, -o último aprobado en 2013 polo Goberno do PP-, só beneficia ao lobby enerxético e supón a maior estafa colectiva deste século.

“Foron as eléctricas as que escribiron esa normativa e os que se sentaban no Consello de Ministros facían de monicreques”, criticou Pontón, para quen é hora de mudar ese marco “para que as eléctricas ganen menos e o conxunto da sociedade gane máis” e acabar coa situación actual “inxusta, insolidaria e discriminatoria”.

A líder nacionalista salientou que o BNG “non contempla a opción do peche” por iso pide converter a continuidade de ALCOA e o mantemento do emprego “nun asunto de país” no que a primeira batalla a ganar é a retirada do ERE de extinción. En relación ás axudas recibidas pola factoría, Pontón preguntábase en que condicións se executaron, se estaban ou non vinculadas ao emprego e á modernización das instalacións, que tería sido o lóxico.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG