Pontón: “A xestión de residuos sólidos urbanos evidencia o fracaso de Sogama”

A deputada reclamou superar o modelo de incineración e apostar pola reciclaxe e compostaxe, proposta que o PP rexeitou

Ana Pontón

A deputada do BNG, Ana Pontón defendeu hoxe, na Comisión de Ordenación do Territorio celebrada no Parlamento galego, unha Proposición non de Lei para introducir cambios en materia de xestión de residuos.

Na súa intervención, a nacionalista demandou a creación dunha planta comarcal cun investimento de 6 millóns de euros, non construír a nova incineradora de Cerceda, incluír financiamento para a mellora da recollida selectiva e poñer en marcha medidas de concienciación e educación ambiental destinadas a aplicación dos principios das tres erres, “redución, reutilización e reciclaxe”.

O incremento do canon, unha nova carga para todos e todas as galegas nun momento de grave crise

Pontón explicou que a maior parte do lixo vai ao vertedoiro ou é incinerado sendo as porcentaxes de reciclaxe totalmente “residuais”. Por outra parte, o anuncio de incrementar o canon, nun 26%, pon de manifesto o “fracaso económico” de Sogama e supón unha nova carga para os galegos e galegas pero o PP, en vez de de cambiar o modelo “incide no erro”.

O “fracaso” da xestión de Sogama, afirmou, fai necesario “superar este modelo” polo que rexeitou a emenda do Partido popular á proposta nacionalista por ir encamiñada á consolidación do modelo actual.

A parlamentaria agradeceu o apoio dos grupos do PSdeG e AGE e criticou que o Partido popular tentara introducir unha emenda para en realidade, “non cambiar nada” .

Neste sentido, defendeu o primeiro punto da iniciativa relativo a “eliminar a previsión de construír unha nova incineradora” e rexeitou a emenda porque, na súa opinión, “o PP quere perpetuar o modelo Sogama”.

O Partido Popular non está disposto a pechar Sogama

Sobre os puntos restantes dixo, o BNG pide un plan de residuos urbanos en Galiza que permita ser unha alternativa “ao peche de SOGAMA”, mentres o PP prefire seguir facendo “política ficción”.

A nacionalista reiterou que se de verdade queremos cambiar o modelo Sogama é preciso “apostar por un modelo de plantas comarcalizadas que na actualidade non existe”. Sen embargo, engadiu , temos a experiencia da Mancomunidade do Barbanza que funciona de maneira “satisfactoria” e cos mellores niveles de reciclaxe, se temos este modelo preguntou, “por que non o aproveitamos e o PP empeñado en construír unha incineradora en Cerceda”?.

“Na emenda do PP non hai ningún cambio”, dende o BNG sempre imos rexeitar a incineración.

Na nosa iniciativa van recollidas todas as propostas das asociacións ecoloxistas, “manter a actual xestión de residuos é un error” e manifestou que o BNG non non apoiará nada que enuncie o incremento da capacidade de “valorización enerxética”, porque vai en contra de apostar pola reciclaxe e compostaxe, concluíu.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG