Pontón urxe reforzar o sistema educativo e denuncia que os continuos recortes do PP poñen en risco o futuro da educación de nenos e nenas

ANA PONTÓN rolda - reforzo educación curso21_22
Ana Pontón

 

Propón contratar 1.000 docentes e reducir as ratios a 20 alumnxs na educación primaria e a 25 en secundaria

Ante o inicio do curso escolar, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que “urxe reforzar o sistema educativo” e advertiu que os recortes no ensino público, responden a unha “decisión ideolóxica do Goberno do PP da Xunta”. Decisión, que Pontón cualificou de “ acto de cinismo de Feixóo por responsabilizar dos seus recortes en educación ao financiamento do estado”. “O mesmo Feixóo -explicou a líder do BNG- que o ano pasado anunciaba na Conferencia de presidentes gastar os cartos de educación noutros ámbitos, agora emprega a escusa do financiamento para seguir coa súa política de recortes”.

“O próximo curso escolar -advertiu- seguirá marcado pola pandemia e será “un curso de transición” como afirma a propia Conferencia Sectorial de Educación”. Neste sentido, avanzou que o BNG solicitará no Parlamento que a Xunta contrate a “mil profesores e profesoras máis que no curso pasado” e que se poña en marcha unha estratexia para que ao final desta lexislatura “se reduzan as ratios con 20 alumnos e alumnas  en primaria e 25 en secundaria.

O PP non aprendeu nada da pandemia

Pontón puxo de manifesto que a situación é diferente á de hai un ano porque os nenos e nenas comezarán as clases sen estar vacinados, a evolución da pandemia é incerta e os gobernos deben garantir a escolarización do alumnado. Por outro lado, a pandemia afectou á evolución educativa do alumnado que obriga a un reforzo no ensino público para reducir estes efectos negativos. A pesar desta nova situación, dixo, “a Xunta do PP insiste en recortar no ensino público e tapar esta irresponsabilidade con mentiras e propaganda”.

A realidade, abondou Pontón, é que o PP pretende recortar máis de 1.600 profesores e profesoras no ensino público como confirma o DOG e a propia Xunta de Galiza. En Secundaria, a falta da publicación definitiva do CADP -Concurso de adxudicación de destinos provisionais-, sabemos que a inspección e as xefaturas territoriais xa comunicaron aos centros a perda dun total de 435 profesores a respecto do curso 20/21.

En Infantil, primaria e educación especial, engadiu, no DOG do 6 de agosto faise efectiva a eliminación de 109 unidades, cun recorte de máis de 150 mestras e mestres.

“Fronte a 2.300 docentes de reforzo contratados o curso pasado, este ano haberá só 1.250, é dicir 1.050 profesoras e profesores menos a pesar de continuar no medio dunha pandemia”, indicou.

Para a nacionalista, a situación require unha explicación de Feixóo porque mentres en Baleares, Valencia, Cantabria, Cataluña, Euskadi, Navarra, ou a Rioxa, manterán ou incrementarán o profesorado, en Galiza “o PP anuncia unha avalancha de recortes en todos os niveis educativos”.

A portavoz do BNG lembrou que, desde o ano 2009 pecharon 138 centros públicos, “1 de cada 10”. Foi incrementado o financiamento do ensino privado ao tempo que o recorte do profesorado na educación pública situábase nun 4,4% fronte o incremento do 5% na educación privada e concertada.

A nacionalista apelou a non repetir os erros do ano pasado que obrigou a adiar o inicio do curso en secundaria e ao espectáculo da semipresencialidade. “Non aprenderon nada da pandemia, nin das recomendacións dos expertos, ANPAs, profesorado, nin das recomendacións da Comisión de reactivación. A súa folla de ruta é o recorte no ensino público para favorecer á privada e execútana de xeito implacábel”.

Desde o BNG, “imos plantarlle cara a estes recortes, porque a educación é o mellor investimento que podemos facer como sociedade e non podemos permitir que o PP continúe hipotecando o noso o futuro”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG