Pontón: "Como ter unha universidade pública de calidade? Garantindo o seu financiamento por lei"

Ana Pontón, Francisco Jorquera, María Xosé Bravo, co reitor da UdC, Julio Abalde

A portavoz nacional, Ana Pontón, trasladoulle ao reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, as propostas que o BNG vai incorporar no programa electoral das eleccións galegas en relación ao sistema universitario, tras intercambiar co responsable da UdC diagnose da situación do ensino superior en Galiza.

Ana Pontón, Francisco Jorquera, María Xosé Bravo, co reitor da UdC, Julio Abalde

Neste sentido, o Bloque considera que o financiamento é clave para garantir unha universidade pública igualitaria, de calidade e competitiva, agora “cercenada” pola política de recortes que aplicou Feijóo ao longo de sete anos de goberno seguindo as directrices do PP a nivel estatal.

“É importante aprobar unha nova lei de universidades que garanta un financiamento xusto para os campus galegos”, salientou Pontón, “concretamente pensamos que no próximo período é posible ampliar o financiamento universitario ata acadar o 1,4% do PIB da media estatal e, en dúas lexislaturas, equiparemos o financiamento das universidades galegas á media en Europa que é do 2%”.

Hai que ter en conta que, a día de hoxe, o sistema universitario recibe o equivalente ao 0,8% do PIB, e que a aportación da Xunta é menor en 2016 que en 2009.

Para o Bloque é fundamental non só mellorar o financiamento senón tamén que a suficiencia orzamentaria do ensino superior “estea garantida por lei con obxectivos concretos cos que todos e todas nos podamos comprometer”, argumentou Pontón, en contraste coa estratexia dos gobernos de Feijóo “que condenan a universidade a un financiamento que son a metade da media do entorno europeo”.

Pontón tamén aposta porque unha parte dese financiamento se vincule coa I+D+i, como elemento dinamizador da economía, ao tempo que denuncia o retroceso destes anos: “O paso de Feijóo pola Xunta deixa como dato moi elocuente que se destruíron a metade das empresas de base tecnolóxica, e iso significa liquidar unha parte significativa das empresas poderían crear emprego, innovación, tecnoloxía e ser un polo de desenvolvemento”, lamentou.

Residencia universitaria pública

Dentro da rolda de contactos cos máximos responsables dos campus galegos, Pontón tamén trasladou ao reitor a UdC que o Bloque incluirá n programa electoral a transferencia integral das bolsas á Xunta de Galiza, “co obxectivo de ter un sistema de axudas adaptado á realidade do estudantado galego e evitar que se deneguen bolsas por usar criterios alleos á realidade das familias do país”.

Pontón parabenizou o traballo do Bloque desde o goberno da Deputación da Coruña á hora de impulsar a construción dunha residencia universitaria pública para o Campus coruñés, en colaboración coa propia UdC, que confía poda estar en marcha no próximo curso académico, materializando unha vella demanda das autoridades académicas desta universidade.

“Para o BNG defender a universidade pública é defender unha sociedade máis igualitaria, que aposte polo coñecemento e pola innovación como base para un novo modelo de desenvolvemento económico e social”, concluíu Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG