Parlamento Galego

Ana Pontón: “Ten que ser a lexislatura dos grandes acordos a favor de Galiza para dar solucións aos problemas da xente do país”

Grupo Parlamentar
Grupo Parlamentar

Avanza unha oposición rigorosa no control pero máis propositiva que nunca cun BNG que triplicou escanos: “a cada crítica unha proposta”

Ofrece man tendida porque “non está o país para seguidismos partidarios, nin confrontacións inútiles nin para absolutismos cegos e xordos”, declara

Os 19 deputados e deputadas do BNG tomaron hoxe posesión do escano declarando o seu compromiso “a ser fiel a Galiza, a defender os dereitos nacionais e sociais das galegas e dos galegos e a súa liberdade”, nunha lexislatura, a undécima, marcada pola COVID19 pero, sobre todo, polas duras consecuencias económicas e sociais da pandemia.

Así o salientou na súa comparecencia ante os medios a portavoz nacional, Ana Pontón, declarando que “son tempos difíciles nos que a maioría dos galegos e das galegas está preocupada polo seu futuro, polo seu traballo, porque non saben se van poder manter aberto o seu negocio, preocupadas pola saúde, preocupada porque non saben que vai pasar cos seus fillos e fillas no curso escolar, preocupada polo coidado das persoas maiores”, explicou.

Por iso, é preciso que o Parlamento estea “á altura” e que esta sexa a lexislatura dos grandes acordos de país.

“Desde o BNG pensamos que esta debe ser a lexislatura dos grandes acordos a favor de Galiza, pensamos que este tempo require diálogo, negociación, require sumar para erguer Galiza e sacar ao país da grave crise económica e social que ten a miles de galegos e de galegas angustiadas polo seu futuro. E tempo de altura de miras para darlle solucións aos problemas reais da xente”, subliñou Pontón.

E neste sentido, a líder nacionalista avanzou que o Bloque vai traballar desde o minuto cero desde a colaboración, “coa man tendida para sacar adiante os acordos de país que Galiza necesita, desde unha oposición construtiva” cunha representación reforzada tras obter o triplo de escanos. “Imos facer un labor de oposición rigoroso no control pero máis propositiva que nunca: a cada crítica, unha proposta; a cada problema que denunciemos presentaremos unha alternativa de solución”.

Ana Pontón“Esta foi sempre a maneira de traballar do BNG e así será con máis forza nesta Lexislatura. Temos que estar á altura dunha maioría social que quere solucións”, recalcou, “porque non está o país nin para seguidismos partidarios, nin para confrontacións inútiles, nin para absolutismos xordos e cegos. Esta debe ser, insisto, a lexislatura dos grandes acordos a favor de Galiza, porque son tempos de aportar solucións de futuro e nesa dirección imos traballar no BNG”. Pontón destacou que o BNG asume “con moita responsabilidade a confianza reforzada que nos deron os galegos e as galegas”.

Como xa é tradicional, portando un exemplar do Sempre en Galiza e cun caravel vermello, os deputados e deputadas asumiron a súa representación no Parlamento, coa excepción da deputada por Ourense, María González Albert, que non puido asistir por estar no hospital a punto de dar a luz.

Mesa de idade conformada polo BNG

A mesa de idade ao completo estivo conformada por representantes do Bloque, tanto o de máis idade, Xosé Luís Rivas, como os dous máis novos: Paulo Ríos e Daniel Castro, este último deputado por Ribadeo, que portou en todo momento unha chaqueta do uniforme laboral de ALCOA, en solidariedade cos e coas traballadoras da factoría de San Cibrao que hoxe se manifestaron ás portas da Cámara.

Para eles tivo tamén unhas palabras a portavoz nacional, que foi recibida na concentración polos manifestantes coreando “presidenta, presidenta”. Ante eles volveu comprometer o total apoio do BNG para evitar o peche das cubas e garantir a produción e os 1.5000 empregos directos na fábrica da Mariña. “A solución é clara: nacionalización cunha intervención pública da Xunta e do Estado e tarifa eléctrica galega que poña fin ao espolio enerxético. Precisase unha solución política, xa e imos deixarnos a pel para conseguila”, sentenciou Pontón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG