Pontón: "Que ten que dicir Feijóo da operación de especulación dun fondo voitre sobre a AP-9?"

O BNG considera que a posible venda a un fondo voitre da AP-9 e outras vías é unha nova operación especulativa sobre infraestruturas básicas que poden derivar nun incremento das peaxes a medio prazo, ao tempo que critica o silencio de Feijóo nun asunto que afectará a mobilidade de millóns de galegos e galegas.

Ana Pontón, portavoz nacional BNG

“A nova concesionaria vai querer obter beneficios porque ningún fondo voitre compra unha AP-9 por solidariedade, nin por facernos un favor, senón para gañar cartos, e a porcentaxe de beneficio que busca vai saír dos petos dos galegos e galegas”, advirte a portavoz nacional, Ana Pontón, quen se preguntaba pola opinión de Feijóo sobre este nova operación especulativa.

“O presidente da Xunta opina sobre todo o divino e o humano pero non o escoitamos cando se trata de alzar a voz en defensa dos intereses de Galiza porque supoño que non quere incomodar nin a señora Pastor, nin ao señor Rajoy”, criticou Pontón, quen avanzou que ao Bloque “non lle gusta un presidente desaparecido” e pide que por unha vez “dea a cara e compareza nesta Cámara antes de que se esgote a Lexislatura sobre un tema desta transcendencia”, demandou.

A cidadanía ten dereito a saber “que vai facer o Goberno da Xunta ante esta operación especulativa coas nosas infraestruturas”, subliñou, tras aclarar que calquera rescate da AP-9 ou doutras vías debe ser con fondos estatais.

Recuperar a xestión pública

O Bloque considera “fracasado” o modelo inaugurado por Aznar “que nos deixa en herdanza unha AP-9 cada vez máis hipotecada que primeiro pagamos con fondos públicos e agora con ese imposto á circulación en forma de peaxes”. Neste sentido, a formación nacionalista considera necesario frear esta nova operación especulativa e, sobre todo, levar adiante todas as accións que permitan recuperar a xestión pública da AP-9.

“É a única garantía que temos de que se poderán baixar as peaxes e camiñar cara a súa eliminación no curto prazo”, indicou a dirixente nacionalista, dunha infraestrutura “máis que amortizada”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG