Parlamento Galego

Pontón: "Non podemos acabar a lexislatura sen comisión de investigación polo accidente do Alvia"

O BNG levará á Xunta de Portavoces do Parlamento a inmediata solicitude para modificar a orde do día do vindeiro Pleno e incluír a proposta de creación dunha comisión de investigación sobre as causas que provocaron o accidente do Alvia, tras coñecer o “demoledor” informe da UE que denuncia a falta de independencia da investigación auspiciada polo Ministerio de Fomento e demanda a reapertura do caso.

“Non podemos pechar esta lexislatura sen que haxa unha comisión de investigación no Parlamento galego porque é unha débeda moral, ética e política que temos coas vítimas e co conxunto da sociedade galega”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen convidou ao presidente da Xunta a que, por unha vez, deixe de estar do lado da mentira.

“Feijóo estivo sempre do lado da mentira e da ocultación, sempre votou non a unha comisión de investigación e sempre asumiu o relato oficial do PP. Se quere xustiza, como di agora, que deixe de esconderse baixo comisións de investigación fraudulentas e a baixo mentiras de Estado, que o demostre pedindo a dimisión dos responsables políticos e votando a favor da comisión de investigación no Parlamento galego”, reclamou Pontón.

Tras as contundentes conclusións do informe da UE, o BNG pon sobre a mesa tres demandas moi concretas: dimisión da actual ministra de Fomento, Ana Pastor, e do seu predecesor, José Blanco, o cese de todos os integrantes da Comisión de Investigación da Axencia Ferroviaria (CIAF), acusados de parcialidade e falta de colaboración na investigación, e a creación dunha comisión parlamentaria tanto na Cámara galega como no Congreso.

Á hora de falar de responsables políticos, o BNG pon nome e apelidos, José Blanco e Ana Pastor, cómplices “dunha investigación fraudulenta”.

Mans manchadas de sangue

“Sen dicir nunca que teñen as mans manchadas de sangue por acción ou omisión, si pensamos que por decencia deberían dimitir ou ser cesados”, demandou Pontón, “espero que por riba non teñan a indecencia de acusarnos de uso partidista do accidente polo feito de reclamar o que sería normal en calquera lugar civilizado: que deixen de escorrer o vulto e asuman responsabilidades”.

O portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, explicou que o BNG xa demandou por escrito unha reunión extraordinaria da Xunta de portavoces e confía que o PP non volva vetar a creación dunha comisión, -por cuarta vez-, “amparándose en escusas de mal pagador”. “Se hai vontade política, nada impide que se poña en marcha e se inicien os seus traballos nesta mesma lexislatura para darlle continuación na seguinte, nun asunto de tanta transcendencia pública”, subliñou.

Miranda versus 60 eurodeputad@s

Pontón inicio a comparecencia renovando o compromiso do BNG coas vítimas, “ata o final”, e cun recoñecemento á “extraordinaria” labor da portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, “abrindo á porta” das institucións europeas as vítimas, coa viaxe auspiciada polo BNG e encontros cos responsables comunitarios en seguridade ferroviaria, onde se fraguou o compromiso de elaboración do informe, a posterior presión política para conseguir a difusión dun documento que pode ser un revulsivo para esclarecer as causas do accidente de Angrois e adoptar as medidas para que nunca máis poda suceder.

“Con toda humildade, pero con toda clareza, deberían tomar nota os 60 eurodeputad@s españois aos que Ana lles saca as cores co seu traballo, incluídos os tres galegos. Para que serviron os seus escanos neste caso?”, interpelaba Pontón, salientando que aínda cun escano parcial “fixo máis por esclarecer a verdade e apoiar ás vítimas que todos os demais xuntos”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG