Pontón a Feixóo: “A súa política de vivenda para a xente moza é un unicornio, non existe”

Baixos salarios e subida dos alugueiros, sumado á falta de vivenda pública e escasas axudas, fan imposible a emancipación da maioría da mocidade

Propostas do BNG: incrementar as axudas ao aluguer, crear un parqué público de vivendas en alugueiro e mobilizar a vivenda baleira

A portavoz nacional, Ana Pontón, levou á sesión de control do Parlamento ás dificultades da xente moza para emanciparse e pediulle ao presidente da Xunta que Galiza teña a segunda taxa de emancipación máis baixa do Estado entre mozos e mozas de 30-34 anos ou que o 85% das persoas menores de 29 anos non poidan abandonar a casa familiar para poñer en marcha os seus proxectos vitais.

“Que fixo durante doce anos para facilitar a emancipación da xente moza señor Feixóo?”, interpelou, “propaganda e cargarse a política social de vivenda que puxo en marcha o BNG desde o Goberno, e así vemos como o 80% das solicitudes de axudas ao alugueiro son rexeitadas por falta de fondos; e vemos cifras de vivenda protexida que son unha vergoña: 2015, cinco; 2016, 4; 2017, cinco; 2018, dúas”.

Datos de vivendas protexidas iniciadas que ofrece o IGE e mostran como o Goberno do PP abandonou a creación de vivenda pública. “A súa política social de vivenda para a xente moza é un unicornio, non existe máis alá desa fantasía que lle crean no telexornal, e o que lle pido e que deixe de venderlle unicornios á xuventude deste País e poña en marcha medidas eficaces para que poida acceder a unha vivenda”, alegou.

A líder do Bloque destacou que o prezo da vivenda subiu un 23% de media desde 2014; un 31% no caso das cidades, de tal xeito que o alugueiro medio dun piso en Vigo ou A Coruña supera os 500 euros, mentres que a media salarial dos mozos e mozas entre 18 e 35 anos  en 2020, -última liquidación fiscal dispoñible-, e hoxe máis baixa que en 2009.

“A maior parte da mocidade cobra menos de mil euros, así que faga contas señor Feijóo: 400/500 euros de renda, gastos básicos de vivenda, gastos de alimentación, porque si, os mozos e mozas teñen o hábito de comer todos os días, e a conclusión é que emanciparse é misión imposible para a maioría”, alegou.

De feito, segundo os propios datos do informe Vivenda e emancipación da mocidade en Galiza 2020, a metade dos galegos e galegas entre 25 e 34 anos que teñen traballo todo ano seguen na casa familiar porque non lles é posible pagar unha vivenda. E neste contexto, o Goberno de Feixóo destina á políticas de vivenda un 46% menos do orzamento que había en 2009, “e aínda así deixan sen executar dous de cada tres euros”, denunciou.

Menos recursos e incapacidade de execución, vivenda de promoción pública baixo mínimos, un rexistro de demandantes de vivenda colapsado con máis de 15.000 solicitudes e programas fracasados, como por exemplo o que pretendía mobilizar vivenda baleira e só logrou 30 pisos en catro anos ou o programa rehaluga, cun orzamento de 150.000 € dos que se executaron menos de 7.000, “un bluf”, sintetizou.

A alternativa do BNG, explicou Pontón, pasa en primeiro lugar por incrementar as axudas ao aluguer, sendo conscientes de que é unha medida a curto prazo, porque no medio e largo prazo a proposta nacionalista é promover un parqué público de vivenda para aluguer para acadar rateos na liña do entorno europeo, onde a media é do 9%, mentres que aquí está por debaixo do 1% e, igualmente, mobilizar vivenda baleira  tendo en conta que Galiza está á cabeza en vivenda desocupada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG