Pontón denuncia a situación límite da sanidade e propón un plan de choque cun investimento de 200M€ na Atención Primaria

Ana Pontón - rolda prensa
Ana Pontón en rolda de prensa

Recrimina a Feixóo non aprender ningunha lección da pandemia e continuar cunha política sanitaria “indecente” que roza “a prevaricación” por non mover un dedo para reforzar a Atención Primaria

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  denunciou  a situación límite a que está conducindo o goberno do PP á sanidade pública e propuxo un “Plan de choque” que permita un investimento urxente de 200 M€ adicionais para a Atención Primaria e contratar máis persoal e medios, neste  servizo.

Para a nacionalista, os continuos recortes do Partido popular están levando ao persoal da sanidade á “extenuación” deteriorando a saúde das persoas e impedindo unha atención axeitada á pandemia. Neste sentido, recriminou a Feixóo “non ter aprendido nada” da pandemia e continuar “cunha política nefasta” baseada na precariedade e expulsando aos profesionais fóra de Galiza.

Pontón cualificou de “indecente” a política do PP que mesmo, dixo, roza “na prevaricación” por non mover un dedo para reforzar a Atención Primaria. Necesitamos “solucións e menos escusas de mal pagador”, enfatizou a portavoz nacionalista.

Para Pontón resulta especialmente alarmante que o deterioro do sistema sanitario se agudice no medio dunha pandemia. Porque se algo nos ensinou a COVID, explicou, é que “a sanidade pública é un piar básico para garantir a vida das persoas e o benestar da sociedade”. Mentres tanto, o goberno do PP de Feixóo, lonxe de aprender das ensinanzas da COVID, continúa coa súa “política de acoso e derribo” contra a sanidade pública e as súas profesionais. Unha situación que cada día que pasa vai a peor, e que está provocando protestas por toda a xeografía galega desde o Baixo Miño a Coruña, ou desde Ribadeo a Vigo, recalcou.

É gravísimo o que pasa na Atención Primaria pero non podemos perder de vista que cada vez hai máis lista de espera para acudir a un especialista ou operarse, e isto ten consecuencias negativas sobre a vidas persoas. En moitas áreas sanitarias, unha paciente que se atope mal e queira ver a súa médica de atención primaria ten que agardar até 15 días, e hai centros onde esa espera é moito máis alta. Faltan medios e persoal, até o extremo de que a día de hoxe a maioría dos centros de saúde contan con menos do 50% do persoal médico. De feito no último ano, as propias listas oficiais, que “sabemos que ocultan a miles de pacientes”, non deixan de medrar. Oficialmente, “hai 40.316 persoas agardando por unha operación, 3.740 persoas máis, un incremento do 10,23%”.

No caso das especialidades, engadiu Pontón, son 150.068 persoas esperando cita, 39.701 máis que fai un ano, o que significa que a lista para acudir a un especialista medrou nun ano un 36%.

O problema, indicou, “non é falta de persoal”, o problema é que a política da Xunta expulsa o persoal sanitario. “Só no último ano, o 60% dos médicos e médicas de familia que acabaron o MIR non quedaron en primaria pola precariedade que impón a Xunta.

Dende o BNG reclamamos  ao goberno galego medidas e non escusas para reforzar a sanidade pública e propoñemos catro medidas concretas que só precisan de vontade política: Un Plan de choque que permita un investimento urxente de 200 M€ adicionais para a atención primaria, que permita contratar máis persoal e dotar de máis medios a atención primaria. Máis persoal contratado e protocolos para garantir as labores de rastrexo do virus que a día de hoxe está sendo un desastre, cando tiña que ser unha prioridade ao lado da campaña de vacinación. Incluír novas categorías en primaria como psicoloxía clínica, logopedas, traballadoras sociais e reforzar dotación de profesionais e a súa carteira de servizos en enfermería, matronas ou fisioterapias e  incrementar nos próximos orzamentos a contía destinada Atención Primaria co obxectivo de subir até o  25%, do orzamento total do SERGAS, conforme o que reclaman todos os organismos internacionais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG