Pontevedra, As Neves, Vilaboa, pioneiros da compostaxe

Cesar Mosquera presenta o Plan Revitaliza
Cesar Mosquera presenta o Plan Revitaliza

Seis concellos da provincia –Pontevedra, Mondariz, Mondariz Balneario, Vilaboa, As Neves e O Grove- "entrarán de cabeza" na compostaxe antes de finais de 2018. Así o manifestou hoxe o vicepresidente provincial, César Mosquera, quen xunto co asesor de residuos Carlos Pérez deu conta das subvencións concedidas pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza. Estas axudas provinciais permitirán aos concellos adheridos ter os seus correspondentes Plans Municipais de Tratamento de Residuos adaptados á compostaxe e adquirir - por valor 1.194.410,95 euros- os composteiros individuais, colectivos e a maquinaria necesaria para a implantación do novo sistema de tratamento.

 O vicepresidente Mosquera explicou que o Plan Revitaliza pretende estender de xeito ambicioso a compostaxe para que os concellos cumpran a normativa estatal e europea que obriga a preparar para a reciclaxe máis do 50% dos residuos da bolsa do lixo antes de 2020. Segundo dixo o nacionalista, o goberno provincial apostou por tratar a parte orgánica, que supón o 53% dos residuos municipais, e puxo en marcha diversas accións: "A día de hoxe estamos nun punto ao que sempre tiven esperanza de chegar, pero tiven as miñas dúbidas incluso polos ritmos e capacidade –dixo-. Con todos estes concellos implicados sabemos que imos aplicar masivamente a compostaxe na provincia e que imos estar por riba do obxectivo que nos marcamos de pasar a cuarta parte da poboación a este sistema a finais de mandato".

Na Xunta de Goberno do pasado venres, de feito, aprobouse a concesión de subvencións da II Fase do Plan Revitaliza. Segundo explicou Mosquera, haberá seis concellos -Pontevedra, Mondariz, Mondariz Balneario, Vilaboa, As Neves e O Grove- que poderán botar a andar e cambiar o seu sistema de recollida e tratamento de xeito inmediato.

Estes municipios serán os primeiros de Galiza en implantar a compostaxe e, a un tempo, en eliminar de xeito obrigatorio os colectores da chamada ‘fracción resto’ -aos que se pode botar todo tipo de lixo- con data límite de decembro de 2018. Nese momento deberá haber unha división do lixo diferenciada entre orgánicos -nos composteiros-; metais, plásticos e envases; papel e vidro nos seus correspondentes recipientes. "Dar ese paso de xeito radical e audaz será a clave e determinará que este novo sistema de tratamento de lixo funcione economicamente", explicou o asesor Carlos Pérez, ao tempo en que insistiu en que manter o actual sistema de tratamento xunto coa compostaxe non é viable.

Vilaboa e Pontevedra

Segundo os datos dos técnicos provinciais, Pontevedra e Vilaboa son os concellos que máis traballo levan realizado na aplicación da compostaxe a día de hoxe. En Vilaboa están instalados xa 36 módulos con ubicacións moi diversas e, ademais de ter implicado á cidadanía xeral, xa están compostando dous grandes produtores (2 restaurantes) e un xeriátrico. En Pontevedra hai maior número de composteiros instalados, pero menor en canto á proporción sobre a poboación. En calquera caso, os seis concellos do grupo ‘de cabeza’ irán "de golpe" cara ao novo sistema, pero pola súa complexidade tanto a capital como o Concello de O Grove farano por fases.

Eses municipios recibirán da Deputación un plan de residuos propio e subvencións económicas polo Plan Revitaliza -salvo Pontevedra, que non entra neste reparto ao obter fondos provinciais por outra vía diferente-. Vilaboa recibirá 345.869,06 euros, Mondariz 306.030,10 euros, As Neves 259.774,85 euros, Mondariz Balnearios 197.59739 euros e O Grove 85.139,55 euros, que se investirán na compra de composteiros comunitarios e individuais, así como en material complementario.

Foron eliminadas destas axudas as solicitudes de Ponte Caldelas, O Rosal e Valga por motivos técnicos. No caso de Valga porque desistiu da subvención, e no caso dos outros dous porque presentaban petición para a adquisición de 50 composteiros individuais, e porque unicamente solicitaba composteiros individuais incluso para zonas nas que sería máis axeitado instalar centros comunitarios, respectivamente.

Asistencia técnica

Ademais dos concellos máis adiantados, a Deputación tamén axudará a outros 19 municipios da provincia que se adheriron ao Plan Revitaliza facilitando asistencia técnica personalizada para a redacción por parte dos técnicos provinciais de Plans Municipais de Tratamento de residuos adaptados ás directrices do Plan Revitaliza: Rodeiro, Valga, Tomiño, Oia, Cuntis, Salvaterra, Silleda, Barro, Catoira, O Rosal, Ponte Caldelas, Tui, Porriño, Cangas, Soutomaior, Baiona, Caldas, Ponteareas e Cambados.

Segundo indicou Mosquera, o traballo que farán os técnicos provinciais consiste en estudar o campo normativo dos concellos e elaborar as ordenanzas en materia de residuos de xeito específico (incluso abordando o cobro de taxas), ademais de calcular o número de elementos de compostaxe e maquinaria necesarias e o seu custe. "Isto, de valorarse economicamente, é moito máis custoso que as propias subvencións que dará a Deputación para a adquisición de material, xa que hai poucos técnicos especializados na materia -3 ou 4 no estado- ", indicou o vicepresidente.

Hai que sinalar que os concellos de Bueu, Campo Lameiro, Moaña e Vilagarcía de Arousa solicitaron no seu momento a adhesión ao Plan Revitaliza (co compromiso de aplicar a compostaxe), mais non pediron ningunha subvención: nin a relativa á redacción de plans de residuos nin ás axudas económicas para a compra de composteiros.

Nova convocatoria para adhesión

O vicepresidente Mosquera aclarou que seis concellos que actualmente teñen instalados centros de compostaxe comunitarios funcionando con éxito (Illa de Arousa, Gondomar, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo e Salceda de Caselas) non solicitaron a adhesión ao Plan, "algúns por inestabilidade política e outros por cuestións incomprensibles, xa que seguen a pedir máis composteiros". "Agardamos que se incorporen. Haberá outra convocatoria, pero de non entrar deben entender que quedarán en situación secundaria e se nun tempo prudencial precisamos os recursos da Deputación para atender aos concellos adheridos, terán que atender os composteiros con persoal propio", subliñou o nacionalista.

Mosquera quixo mostrar a súa satisfacción polo feito de que o tratamento do lixo e a compostaxe teñan quedado fóra do debate político. "Adheridos ao Revitaliza hai concellos de todo color e condición. Afortunadamente está superado o de poñerse a discutir cuestións técnicas en función de cores políticas, e con iso gañamos todos", finalizou.

 

Relacionado: Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG