As persoas licenciadas e graduadas antes de 2006 quedan excluídas das bolsas de postdoutorado 2017

OLALLA RODIL XUNTA PORTAVOCES1
  • Olalla Rodil anuncia que pedirá a supresión desta discriminación na Cámara xa que non obedece a criterios “nin académicos, nin de currículo científico”

Santiago de Compostela, 1 de Xuño 2017.- O BNG denuncia que a Xunta exclúe das bolsas de postdoutorado 2017 convocadas conxuntamente polas consellerías de Educación e de Economía ás persoas aspirante que se licenciasen ou se graduasen antes de 2006,  unha decisión que considera arbitraria pois carece de xustificación académica o de currículo investigador e deixa fora a centos de doutores e doutoras investigadoras.

A orde que regula as bolsas postdoutorais da Xunta inclúe dúas posibilidades. A modalidade A, dotada con ata 45.500 euros e tres anos de contrato, dous no estranxeiro e un contrato dun ano de retorno. En total, ofértanse 51 bolsas. A modalidade B está dotada con ata 49.000 euros e un contrato de dous anos nunha universidade galega, esixe ter sido previamente beneficiaria das bolsas A.

“O criterio de excluír por primeira vez ás persoas licenciadas ou graduadas antes de 2006 non ten sentido nin xustificación académica e supón unha discriminación comparativa, arbitraria e sen precedentes”, denunciou a portavoz parlamentaria de Educación Olalla Rodil. Rodil indicou que, por exemplo, as axudas homólogas concedidas pola Axencia estatal de Investigación, as bolsas Juan de la Cierva, non estabelecen este criterio excluínte.

Rodil salienta que “o que acredita a capacidade para optar a estas axudas é ter o título de doutoramento polo que a inclusión desta restrición só supón un agravio comparativo e a exclusión de moitas persoas que, por diversas razóns de tipo económico, familiar ou outras remataron a súa formación académica antes de 2006 mais depositaron e defenderon a súa tese recentemente”.

A deputada nacionalista salienta que estas bolsas postdoutorais “son das poucas ferramentas coas que contan as persoas investigadoras emigradas para volver ao país, como de feito recolle a propia orde sinalando como obxectivo da mesma a posibilidade de retorno despois de ampliar a súa formación no estranxeiro”.

Con esta decisión a Xunta “péchalle a porta” a moitos investigadores e investigadoras, “e faino ademais despois de ter recortado o 24% dos fondos do programa de investigación universitaria para este ano e de acumular un recorte de 178M€ no Plan galego de investigación, innovación e crecemento desde 2009”.

Rodil, que compareceu acompañada por persoas afectados, anunciou que o BNG vai levar este asunto ao próximo pleno cunha iniciativa na que reclama do Goberno a retirada deste requisito nunca antes incluído nestas convocatorias. “É unha decisión unilateral, de carácter político e non académico e supón a exclusión de moitas persoas que levan anos formándose, xerando coñecemento dentro e fóra do noso país, ás que o Goberno non pode darlle as costas desta maneira”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG