Patrimonio comprometese co BNG a rexeitar calquera proxecto eólico que afecte visual, ambiental ou socioeconomicamente aos Penedos de Pasarela e Traba

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez salientou o grande valor natural do conxunto xeolóxico  e o impacto económico nos concellos de Laxe, Vimianzo e comarca nos ámbitos da hostalaría e restauración
Patrimonio comprometese co BNG a rexeitar calquera proxecto eólico que afecte visual, ambiental ou socioeconomicamente aos Penedos de Pasarela e Traba

O deputado do BNG, Daniel Pérez pediu ao goberno “denegar a autorización” de dous proxectos eólicos previstos na comarca da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba nunha superficie de 212 hectáreas entre os concellos de Laxe e Vimianzo, “no corazón da Costa da Morte”.

O deputado salientou o grande valor do conxunto xeolóxico constituído por “formas graníticas, únicas no mundo” e que  conleva numerosas rutas de sendeirismo dende Laxe a Vimianzo ao que sumou o importante potencial económico de revitalización e xeración de riqueza, nos ámbitos da hostalaría e restauración.

Para o deputado, resulta “incomprensible” o desleixo da Xunta para poñer en valor os Penedos, tras dous anos declarados  “paisaxe protexida” e 12  para a licitación do Plan de xestión.

Por outra parte, criticou a falta de peso político do goberno de Feixóo para defender a industria e do sector pesqueiro na Costa da Morte, así como o aproveitamento do potencial medioambiental para poñelo ao servizo dun turismo sostible e respectuoso co medio.

A formación dos Penedos, explicou o nacionalista,  vese ameazada por dous proxectos eólicos, o de “Monte Chan” e  “Pena dos mouros” coa  instalación de 9 aeroxeradores e 7 turbinas máis, respectivamente e afectando dous aeroxeradores a penedos míticos como a “Cachucha” e a “Pena dos mouros”.

Por outro lado, dixo non podemos esquecer o impacto visual e sobre as rutas como a dos naufraxios da Costa da Morte, a do Camiño dos faros.

Tras a intervención do deputado do BNG, a Directora de Patrimonio Natural, Belén Docampo trasladou ao nacionalista o compromiso da Xunta de Galiza de rexeitar calquera proxecto eólico cunha  avaliación ambiental, visual e  socioeconómico  negativa.

 Dende o BNG, afirmou Daniel Pérez  temos claro que “a enerxía é básica para o desenvolvemento dun país. e por iso estamos a favor das renovables, a favor da enerxía eólica, pero non apoiaremos aqueles proxectos que non sexan respectuosos co territorio, co medio ambiente e coas persoas”.

Defendemos un plan eólico distinto, ordenado e “opoñémonos a que se instale un só aeroxerador que botaría a perder todo o valor medioambiental, económico e turístico da zona”, reiterou.

A Directora de Patrimonio asegurou que os proxectos eólicos están nunha fase inicial ao que o deputado replicou “ que no BNG temos claro que hai razóns científicas e naturais, arqueolóxicas, históricas e culturais, económicas e lexislativas para denegar a súa autorización”.

“O Decreto 238/2020 impón a obriga de avaliar o impacto visual en áreas de especial interese paisaxístico. Dende o BNG entendemos que a instalación dun só aeroxerador na zona dos Penedos e contorna tería un impacto visual na paisaxe que dinamitaría este espazo natural singular e volatilizaría o seu innegable potencial turístico da zona”, concluíu. 

 

Patrimonio comprometese co BNG a rexeitar calquera proxecto eólico que afecte visual, ambiental ou socioeconomicamente aos Penedos de Pasarela e Traba