O Parlamento tramitará a Lei “Ángeles Alvariño” proposta polo BNG

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil subliña que a lei, admitida a trámite por unanimidade, articula mecanismos correctores para que as mulleres investigadoras non teñan que “elixir entre ser nais ou científicas

A deputada do BNG, Olalla Rodil afirmou que a proposición de lei busca introducir na lexislación galega mecanismos correctores que garantan a “igualdade real entre mulleres e homes no ámbito científico e investigador”. O novo texto aprobado hoxe por unanimidade na Cámara galega, comeza agora o seu trámite parlamentario. O texto lexislativo, dixo Rodil, é produto do traballo e esforzo de moitas investigadoras galegas para que as mulleres non se vexan obrigadas a “elixir entre ser nais e a súa carreira científica”.

No debate da proposición de lei, explicou que hai uns meses, o BNG recolleu un documento tras unha xuntanza coa Rede galega pola investigación (InvestiGal), que analizaba situacións de discriminación ás que se teñen que enfrontar  as mulleres investigadoras cando deciden ser nais.

A  día de hoxe, e malia os enormes avances en materia de igualdade que se teñen producido nos últimos quince anos, “hai mulleres que teñen que escoller entre ser nais ou científicas e outras que ven como a decisión de ter crianzas e exercer o seu dereito a conciliar supón un atranco para continuar adiante coas súas carreiras profesionais” denunciou.

Neste sentido sinalou que tres investigadoras posdoutorais presentaron unha queixa diante da Valedora do Pobo para constatar a  discriminación padecida durante o proceso de avaliación do seu rendemento investigador no que foron  penalizadas por gozar, durante o período avaliado,  permisos de maternidade.

Nas súas conclusións, a Valedora do Pobo instou a Xunta de Galiza a adoptar “ medidas e instrumentos xurídicos necesarios para equiparar ao persoal investigador que teña permisos de maternidade/paternidade co resto dos seus compañeiros, asegurando así a continuidade, non só dos seus proxectos de investigación, senón a continuidade dos seus programas formativos, garantindo unha total igualdade de oportunidades tanto nos períodos de avaliación, cando correspondan, como nas condicións dos seus contratos”.

Sentenzas xudiciais

Ademais, Rodil tamén aludiu   á investigadora María de la Fuente, directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), á que  xustiza lle deu a razón ao recoñecer  que sufriu unha “discriminación indirecta por razón de xénero” no proceso de avaliación ao non incluírse na convocatoria supostos de interrupción nin medidas correctoras que permitisen competir en condicións de igualdade aquelas persoas que, como María de La Fuente, durante o período avaliado (5 anos) viran interrompida a súa carreira por ser nais ,13 meses de permiso en total polo nacemento dos seus dous fillos.

A deputada tirou dun recente  estudo publicado pola prestixiosa revista Nature  para constatar que  case o cincuenta por cento da porcentaxe de mulleres que abandona a carreira investigadora a tempo completo faino despois do nacemento do seu primeiro fillo e esta proporción de mulleres descende de maneira alarmante segundo se ascende na carreira investigadora, “teito de vidro” pasando na  etapa predoutoral até representar apenas o 26% do PDI ou tan só o 21% das Cátedras nas universidades públicas do estado, de acordo cos datos publicados pola Comisión de Mulleres e Ciencia do CSIC (2020) e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (2017). Nos anos 2018-2019,  o 55% do estudantado matriculado son mulleres ,pero  nas denominadas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas)  representan apenas o 27%.  Só 2 de cada 10 das cátedras no Sistema Universitario Galego están ocupadas por mulleres.

Perspectiva de xénero na investigación

A nacionalista explicou que  a lei do BNG  busca incorporar a perspectiva de xénero na universidade e na investigación partindo do que xa recolle desde 2004 a Lei de igualdade: da creación de Cátedras sobre cuestións de xénero nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias e apoio  á participación das mulleres nos órganos colexiados na toma de decisións para que sexan equilibradas, así como  medidas de promoción do uso dos tempos para a organización do traballo que facilite a conciliación e favoreza a corresponsabilidade.

Ángeles Alvariño, investigadora pioneira

Con ese obxectivo de dar visibilidade pero tamén de lembrar e homenaxear as mulleres investigadoras galegas, dixo a deputada do BNG,  quixemos poñerlle nome de muller tamén a esta lei, “a Lei Ángeles Alvariño”. Poderían ser moitos pero decidimos lembrar a unha das investigadoras máis brillantes que deu Galiza, “unha pioneira no seu campo, a primeira muller científica en subir a un buque oceanográfico (no mundo!) e tamén unha das primeiras mulleres en dicir abonda xa!”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG