O Parlamento aproba a iniciativa do BNG para mellorar o Camiño de Santiago en Seixalbo

Noa Presas
Noa Presas

A iniciativa aprobada tamén contempla outras melloras para este barrio da cidade de Ourense

Presas criticou a inacción do PP tanto desde a Xunta como desde o concello de Ourense ante o que son vellas demandas da veciñanza

 

Santiago de Compostela, 6 de Xullo 2018.- O parlamento aprobou por unanimidade unha proposición non de lei do BNG para levar a cabo melloras na sinalización do camiño de Santiago ao seu paso por Seixalbo así como outra serie de obras de acondicionamento reclamadas pola veciñanza deste emblemático barrio de Ourense.

En concreto, a proposta nacionalista que foi defendida pola deputada ourensán, Noa Presas, e que recibiu aportacións doutros grupos da Cámara, inclúe tres puntos concretos.

En primeiro lugar, acometer segundo  Plan Director do Camiño de Santiago a mellora da sinalización da Vía da Prata, no que tamén estará incluído o núcleo de Seixalbo prevista para o ano 2019, priorizando os puntos críticos.

En segundo lugar, executar a mellora xa prevista no proxecto promovido pola de mellora de seguridade viaria na estrada OU-105 en Seixalbo, con especial atención ao paso por debaixo da ponte da vía do tren estudando a viabilidade dun paso de peóns nas proximidades, segundo a normativa vixente de seguridade vial, ao tempo que se mellore a sinalización das advertencias de perigo en ambos os sentidos de circulación.

É, finalmente, un recordatorio ao Concello de Ourense das súas obrigas a respecto dos desbroces e limpeza de maleza no perímetro rural  e a existencia de ordes de axudas para a accesibilidade e sinalización dos distintos recursos turísticos, ás que se poderá acoller para realizar a sinalización dalgún elemento patrimonial de interese.

 

A deputada por Ourense, Noa Presas, valorou o acordo despois de anos de inacción por parte da Xunta e do propio Concello da cidade das Burgas para atender as reclamacións da veciñanza. Para iso apelou a “suposta responsabilidade” da que presume o PP e de cara a evitar incidentes que lamentar pola mala sinalización e por outras deficiencias que existen no barrio, tanto no referente ao tramo do camiño de Santiago que o atravesa, como por outras obras de mellora longamente reclamadas polos residentes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG