#PACTOSENGALIZA

O pacto de orzamentos de Pedro Sánchez con Podemos ignora os temas centrais que afectan a Galiza

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias (Foto: Moncloa)
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias (Foto: Moncloa)

“Galiza non existe nese documento de acordo, é un pacto no que simplemente non existimos”, valora Bieito Lobeira, o secretario de Organización do BNG. 

“Queda lonxe a etapa en que o BNG facía valer os seus deputados en Madrid e conseguía fondos e investimentos para o noso país”.  

O pacto de orzamentos de Pedro Sánchez con Podemos ignora os temas centrais que afectan a Galiza

A Executiva do BNG fixo esta tarde, a través do seu secretario de Organización, Bieito Lobeira, unha primeira valoración do acordo de orzamentos do Estado, presentado hoxe entre o Goberno e Podemos.

Desde o BNG saliéntanse diferentes cuestións de especial interese para o noso país en que o acordo non contempla a singularidade galega nin corrixe o agravio que a nosa sociedade vén padecendo: 

  1. Non se fai unha soa mención nin ás infraestruturas estratéxicas (portos, aeroportos, estradas, autoestradas, ferrocarril) nin ás cuestións relevantes para o noso país que están na axenda política galega: transferencia da AP-9, saída de ENCE de Pontevedra, etc 
  2. En materia fiscal, contempla unha baixada do IVE en varios aspectos, mais non nun aspecto fulcral para nós: o recibo da luz, que seguirá no 21%
  3. En materia enerxética o acordo non contempla a singularidade dos territorios que, como a Galiza, son produtores de enerxía eléctrica e son penalizados no recibo por esta razón. Tampouco elimina os "suplementos territoriais" que converten á Galiza na zona do Estado onde temos que pagar a factura da luz máis alta.
  4. En materia de pensións non parte da diferenza de partida (Galiza e, en concreto, Ourense, é o territorio do Estado coas pensións máis baixas), senón que lle outorga o mesmo trato (inxusto) a todas as zonas, e tampouco inclúe singularidades (autónomos incluídos no rexime especial de traballadores do mar, por exemplo) con trabas legais para acceder a pensións dignas. 
  5. O acordo propón unha reforma electoral que legaliza a cacicada no voto emigrante (modificando o voto rogado), mentres segue a ignorar o caso dos milleiros de tripulantes embarcados sen dereito a voto.
  6. En canto aos impostos, séguese a centralizar en Madrid a súa recadación, incluíndo o imposto de sociedades, aínda a aquelas empresas radicadas na Galiza, perpetuando o efecto sede que penaliza gravemente a nosa economía. 

Galiza simplemente non existe nese documento, este é un acordo pensado e deseñado sen que ningunha voz galega se fixese escoitar para incluír nel as necesidades e temas de especial interese para a nosa sociedade”, valorou Bieito Lobeira. 

“Infelizmente, queda lonxe a etapa en que o BNG facía valer os seus deputados en Madrid e conseguía fondos e investimentos para o noso país. Hoxe, ao igual que no debate de investidura de Sánchez, volve quedar en evidencia que Galiza está sen voz en Madrid. Precisamos reverter canto antes esta situación e facernos valer como país”.  

Igualmente Lobeira lembrou a proposta feita pola portavoz nacionalista, Ana Pontón, de acordar no seo do Parlamento Galego os contidos mínimos dunha axenda galega de grandes temas que defender despois fronte a Madrid, goberne quen goberne.