O PP agocha os datos desagregados de contaxios e falecementos por COVID19 de residencias e hospitais

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil: "A verdadeira razón para negarse a publicar os datos é protexer ás empresas que xestionan as residencias”
A deputada do BNG, Olalla Rodil instou á Xunta a publicar, na páxina web, os datos desagregados por contaxios e persoas falecidas con COVID nos  centros residenciais e hospitalarios.

A proposición non de lei do BNG foi rexeitada polo Partido popular argumentando que era unha cuestión de procedemento ao que a nacionalista replicou que “a verdadeira razón para negarse a publicar os datos é protexer ás empresas que xestionan as residencias”.

A deputada criticou que, unha vez máis, o PP impida o acceso público  á información. Vostedes, dixo, volven a “ocultar os datos das persoas contaxiadas e falecidas nas residencias”. Tardaron sete meses en publicar os datos en aberto da evolución da pandemia,  despois de ser advertidos pola Valedora do Pobo de que estaban a vulnerar un dereito fundamental,  “o acceso á información pública”, recalcou  a nacionalista.

Rodil denuncio a “falta de transparencia da Xunta” ao negar a información requirida polos grupos parlamentarios e medios de comunicación como  InfoLibre e  Praza Publica, con “argumentos peregrinos” remitíndoos  á web da Xunta na que apenas é posible consultar a cifra total de positivos, hoxe e grazas a vacina ningún en residencias.

A Xunta nega  a información aos medios de comunicación

 Aos xornalistas que reclaman esta información, a Xunta respóndelles que non é posible porque o SERGAS tería que refacer os seus datos, “unha escusa” para sortear a Lei de Transparencia  baseándose “nunha mentira”, porque Sanidade ten as cifras por residencias. E sabemos que as ten  porque nos reportes diarios aos medios de comunicación si informaban do número de positivos entre usuarias e traballadoras de cada unha delas. Se o facían diariamente por que non se permite acceder ao conxunto dos datos? preguntou a deputada do BNG.

“O desprezo que amosan ao Parlamento e  ao conxunto da cidadanía deste non  non ten límites”. Sé non hai nada que ocultar porque se nega a información? Se todo se fixo ben. Se en Galiza non houbo ningún problema; se o número de persoas falecidas, o “exceso de mortes” nas residencias foi baixo e menor que no resto do Estado  porqué non publican  os datos? volveu a repreguntar a nacionalista.

A sociedade galega ten dereito a saber a verdade

O PP  soporta a foto do día, sobre todo no frenesí informativo dunha pandemia, pero non queren que vexamos a secuencia completa. Agora o que queren é “pasar páxina”, non abrir debates e moito menos que ao albur dos datos poidamos saber que centros, de que características concentraron maior número de contaxios e de falecementos. 

As familias, as usuarias e usuarios destes centros, o conxunto da sociedade galega ten dereito a saber a verdade, e máis agora que grazas á vacina hai semanas que non se detecta un positivo e hai case un mes que non falece ningunha persoa residente.

Agora é o momento de analizar, de reflexionar e de debater, con toda a calma e todo o sosego, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG