Galegas 2020

Olalla Rodil: “A xestión enerxética de Muras é un exemplo das políticas que aplicaremos desde o BNG para construír unha nova Galiza”

Muras
Muras

O nacionalista Manuel Requeijo converteu o concello do Xistral nun referente ao asumir parte do pago do recibo da luz da veciñanza cos impostos procedentes dos parques eólicos, un modelo que o BNG impulsou tamén no Valadouro

“A partir do 12 de xullo, o novo goberno da Xunta de Galiza reclamará unha tarifa eléctrica galega”

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento galego, Olalla Rodil, visitou este sábado Muras, un “concello marca BNG” que puxo como exemplo da “xestión enerxética que aplicaremos a partir do 12 de xullo para construír unha nova Galiza”.

Coa chegada ao goberno local do nacionalista Manuel Requeijo en 2015, o concello do Xistral converteuse no primeiro de Galiza en asumir parte do pago do recibo da luz da veciñanza cos impostos procedentes dos parques eólicos, un modelo que o BNG extendeu este mes de maio ao Valadouro ao impulsar unha liña de axudas co mesmo obxectivo.

“Cando o BNG goberna poñemos os recursos enerxéticos e a capacidade produtiva do país ao servizo da veciñanza. A mesma vontade que tivo o equipo do BNG de Muras e o grupo municipal do BNG no Valadouro será  a que teña Ana Pontón a partir do 12 de xullo”, argumentou Olalla Rodil, acompañada por todos os candidatos da Mariña ao Parlamento galego e alcaldes e edís da formación na comarca.

Olalla Rodil afirmou que “o goberno da Xunta de Galiza con Ana Pontón á cabeza traballará tamén para conseguir unha tarifa eléctrica galega, que permita reducir o prezo da enerxía e compensar o impacto ecolóxico e medioambiental que ten a produción de enerxía neste país, non só nos eólicos se non tamén na auga ancorada”, engadiu Rodil.

“Unha tarifa eléctrica galega axudaría a desenvolver economicamente o país, favorecendo prezos da enerxía máis reducidos para actividades como a produción de aluminio, agora ameazada por Alcoa, pero tamén para as familias”, expuxo a candidata nacionalista no praza do Viveiró.

Unha tarifa eléctrica galega, que reduza as peaxes do transporte de enerxía para compensar o forte impacto ambiental e social derivado da súa produción, é un dos eixos centrais do programa do BNG en materia de enerxía e desenvolvemento dos sectores produtivos.  Neste ámbito a formación nacionalista aposta na promoción das enerxías renovables. En particular, en relación á enerxía eólica propón desenvolver e aproban un novo Plan Sectorial Eólico e vincular a estratexia eólica ao desenvolvemento económico impulsando a participación pública da Xunta e dos concellos galegos nos beneficios do sector.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG