GALEGAS 2020

Olalla Rodil: “Temos un proxecto serio e un liderado claro en Ana Pontón para poñer Galiza en marcha a partir do 5A”

Olalla Rodil
Olalla Rodil
O BNG xa traballa para liderar o cambio real que deixe atrás dez anos de desfeita de Goberno Feixóo
Olalla Rodil: “Temos un proxecto serio e un liderado claro en Ana Pontón para poñer Galiza en marcha a partir do 5A”

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, salientou tras a reunión informal da Xunta de Portavoces, que o BNG xa empezou a traballar para enfrontar a campaña electoral, “con forza e coa ilusión de abrir un tempo novo neste país que aspiramos a liderar porque temos un proxecto sólido e solvente para mellorar a vida dos galegos e das galegas e temos a candidata mellor valorada  que é Ana Pontón”.

“Urxe deixar atrás os dez anos de desfeita do mandato de Feixóo e queremos liderar o cambio real que permita poñer Galiza en marcha, tras unha década de parálise e pasar páxina dun Goberno do PP esgotado e fracasado. Traballar arreo para encarar a campaña e que o cinco de abril se abra un tempo novo que este país precisa como auga de maio”, explica a viceportavoz..

Rodil insistiu en que o BNG está “preparado, cos deberes feitos e convencido de que pode liderar ese cambio real”, e insistiu en que a formación nacionalista concorrerá ás eleccións con seu proxecto e coa súa candidata, o que non impide que teña a man tendida para todas as persoas que aposten por abrir un tempo da man dunha forza de país, que non ten máis obxectivo que a defensa dos intereses dos galegos e das galegas, sen subordinación a ningunha dirección madrileña.

“Temos un proxecto serio, sólido para mellorar a vida das xente deste país e un liderado consolidado na nosa candidata Ana Pontón, e así nos imos presentar nas eleccións ante os galegos e as galegas para poñer este país en marcha”, concluíu. Tras a publicación do decreto de convocatoria electoral, é a Deputación Permanente a que toma o mando do Parlamento.