Olalla Rodil reclama da Xunta recursos e formación docente continuada para desenvolver a Lei LGBTi

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Denuncia que a transexualidade aínda é considerada patoloxía e aínda non está incorporado o capítulo de sancións que reclama o colectivo

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, aproveitou o balance de catro anos desde a aprobación da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia para reclamar recursos suficientes e unha formación docente continuada para desenvolver con eficacia esta lei que afecta a milleiros de galegos e galegas.

Rodil cualificou de “pioneiro e vangardista” o texto lexislativo dentro do Estado español, “mais cativo e insuficiente pois non recolle un capítulo de sancións, como reclamaba o colectivo LGBTi, nin a despatoloxización da transexualidade, e por iso desde o BNG insistimos na necesidade de aprobar unha Lei galega de identidade de xénero”.

En relación co ámbito educativo e en base á  información recollida no informe da aplicación da lei remitido á Cámara constátase as cuestións que o propio colectivo ten trasladado nas xuntanzas coa formación nacionalista en relación  ao cumprimento e desenvolvemento da lei. Entre elas, Rodil citou a falta de planificación e a falta de dotación orzamentaria para desenvolver e executar de maneira real e efectiva o disposto na lexislación.

“E iso tradúcese en contadas accións que nalgúns casos mesmo foron desenvolvidas apenas un ano, sen saber moi ben por que non tiveron continuidade”, salientou. A viceportavoz parlamentaria criticou “que non se estea a cumprir coa incorporación da realidade LGBTi nos contidos transversais de formación de todo o alumnado, como recolle o artigo 22, quedando en moitas ocasións ao esforzo de implicación do profesorado”.

Exemplo diso é que se ofrecen cursos e obradoiros conxuntamente cos Centros Quérote+ dirixidos ao estudantado de 3º da ESO sen que estas actividades teñan a súa correlación nos demais niveis educativos, especialmente en Primaria e Bacharelato.

“A transversalidade é unha palabra que queda moi ben mais hai que construíla e para iso é preciso dotar de material, recursos e formación o conxunto do profesorado de maneira constante e continuada”, alegou Rodil, por iso, insistiu, “o BNG lamenta que non se estea a promover desde a Xunta a necesaria implicación das familias a través dun mecanismo útil como son as escolas de nais e pais”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG