Olalla Rodil pregunta ao goberno galego polo “enchufe” unha familiar da secretaria de igualdade

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil pregunta ao goberno pola praza concedida á cuñada de López Abella e que o TSXG ven de anular e pide a dimisión dos responsables de Educación involucrados e da Secretaria xeral de Igualdade

Olalla Rodil pregunta ao goberno galego polo “enchufe” unha familiar da secretaria de igualdade

A deputada do BNG, Olalla Rodil preguntou hoxe ao goberno que medidas vai tomar  trala  sentenza do TSXG  que anula a adxudicación dunha Praza no Concurso Xeral de Traslados do ano 2016 concedida a unha familiar da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella.

Rodil denunciou que a praza creada “ad hoc” pola Xunta tiña como fin “colocar a familiar da titular de Igualdade” a pesar de ser unha praza que nin sequera  fora reclamada pola propia Escola de Restauración de Pontevedra xa que a pretensión da Xunta non era atender as demandas do centros senón “garantir un posto de traballo na función pública á cuñada de López Abella”.

UNHA CACICADA

Di a sentenza, afirmou a nacionalista, que o que se xulga é “ unha  praza  ofertada -ad hoc- para  adxudicala á mencionada persoa cando non existe en Galiza esa especialidade, non é necesaria a mesma, nunca se impartiu na Escola correspondente e a súa incorporación causa graves trastornos á calidade da docencia e ao reparto de materias nos departamentos”. A parlamentaria do BNG cualificou o acontecido de “cacicada” a vella usanza e engadiu que a  sentenza vai máis alá cando sinala que  a cuñada da Secretaria Xeral de Igualdade xa se integrara de “maneira anómala” na función pública galega e que con anterioridade fora incluída de maneira, tamén  “irregular” na listaxe de persoal temporal da Consellaría de Educación da que foi excluída pola reclamación das persoas prexudicadas.

“Un escándalo, unha cacicada, absolutamente inadmisíbel e sobre o que xa advertira a Valedora do Pobo. Pero vostedes nada. Erre que erre, porque o obxectivo da Xunta non era cumprir a LEI senón colocala incorrendo nunha desviación de poder”.

Unha actuación ilegal, exemplo claro e flagrante de NEPOTISMO pola que desde o BNG exiximos a dimisións dos responsables de educación involucrados e da Secretaria xeral de Igualdade”.

A parlamentaria do BNG reiterou que  a sentenza do TSXG recalca que “estamos ante un claro caso de desviación de poder, unha torcida actuación da Administración tendente a alcanzar unha finalidade contraria ao ordenamento xurídico”.

Por outra parte, dixo, hoxe non estamos a falar dun caso illado xa que existen denuncias da Escola de Arte Dramático ante a consellería de Educación sobre a actuación  da Inspección educativa modificando a solicitude que a dirección da ESAD fixera de dúas prazas vacantes. “Mesmo chamaron telefonicamente á Escola para ameazar e exixir o cumprimento da súas ordes”. Un proceder, que a xuízo da nacionalista lembra moito ao acontecido na Escola de Restauración.