Parlamento Galego

Olalla Rodil: “O PP usa de coartada a Pardo Bazán para silenciar a figura do Ditador e o espolio ao pobo galego”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

O BNG presenta un Plan de usos “dialogado, plural e participativo” do Pazo de Meirás

Rodil lamenta que, unha vez máis, o Partido popular impida  comparecer ao Presidente da Xunta para explicar as medidas contra a posible terceira onda da COVID

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil anunciou que o BNG presentará un “plan de usos” para o Pazo de Meirás, “dialogado, plural e participativo” e cualificou de “escandalosa” a intención do Partido popular de tentar “branquear e ocultar” o acontecido arredor do Pazo  nos últimos 80 anos, utilizando a figura da escritora Emilia  Pardo Bazán como “cortina de fume” para tapar a “ditadura, o fascismo, a represión e o espolio que tiveron lugar durante 82 anos  en Meirás. Ademais, dixo, excluiron do debate do futuro dos usos e do propio Pazo, ás asociación da Memoria e as vítimas da ditadura. “Hai que lembrar aos colectivos e asociacións que loitaron polo Pazo de Meirás  e sobre todo, por poñer fin a anomalía democrática de deixar en  mans dos herdeiros do ditador o seu botín de guerra, mentres o Partido popular  e o propio Feixóo votaban en contra na Cámara galega para a recuperación do Pazo”.

Resulta “inaceptable” recalcou Rodil que continúe a campaña de “branqueo e ocultación da ditadura” que pretende levar a cabo a Xunta de Galiza e o Partido popular coa intención de que un dos períodos máis negros para este país pase como “unha anécdota polos xardíns de Meirás” e explicou que o Plan de usos proposto polo BNG  terá en conta ao Concello da Coruña, Concello de Sada, Deputación da Coruña e o Movemento pola Recuperación da Memoria atendendo aos usos culturais, turísticos  e  históricos.

O plan de usos do BNG é un acto de xustiza democrática.

Tras a Xunta de portavoces para dar conta da orde do día dos vindeiros plenos de Orzamentos co debate á totalidade o lus 21 de decembro e o pleno ordinario dos días 22 e 23,  Rodil avanzou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao Presidente da Xunta polo balance da xestión do goberno galego da crise sanitaria, económica e social xerada pola COVID-19. Neste sentido, lamentou, que unha vez máis o Partido popular vetara a comparecencia de Feixóo como leva reclamado o BNG  para explicar as medidas adoptadas  para paliar as consecuencias sanitarias, económicas e sociais da pandemia pero tamén e, sobre todo, “que decisións vai tomar o goberno galego para evitar que neste país se produza unha terceira onda”.

Para a deputada o veto do Partido popular busca “agochar detrás dos conselleiros e conselleiras ao Presidente da Xunta” e pensan que a comparecencia da conselleira de Emprego e Igualdade é suficiente para dar conta do momento sanitario tan delicado, sobre todo ante a proximidade do  do Nadal e ante a chegada da  terceira onda no mes de xaneiro. Insistimos, que o máximo responsable político deste país “debe dar a cara e explicar que medidas vai tomar ante a terceira onda da COVID”, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG