Olalla Rodil: "O PP pecha colexios públicos mentres dá 2 millóns de € para centros privados-concertados"

Denuncia que o conselleiro de Educación actuou con aleivosía e agochou información para evitar a mobilización, e pide a súa dimisión

A portavoz parlamentaria de Educación Olalla Rodil denuncia que o peche de colexios supón un novo recorte no ensino público por parte do goberno do PP, ao tempo que continúan drenando recursos para o ensino privado-concertado, hoxe mesmo 2M€ adicionais tras aprobar en solitario unha modificación dos orzamentos de 2017.

“Debería explicarlles ás familias afectadas por que mentres a elas lles pechan o centro para optimizar inxectan 2M ao ensino privado-concertado, que se suman aos 1.550 que lles entregaron ata o 2023, incluíndo aos centros que discriminan por razón de sexo. Aí non hai límites, non hai axustes, non hai optimización de recursos”, salientou Rodil.

O Bloque criticou o escurantismo e a ocultación de información por parte da Xunta sobre o peche e recortes nos centros afectados, co único fin de evitar a mobilización social. “Actuaron con premeditación, con aleivosía e de maneira déspota dicindo que non avisaran até a véspera do fin de curso para non causar estres ás crianzas”, indicou a deputada, “pero o que lle preocupaba era salvar a súa cara avisando o día antes para evitar a mobilización”

A portavoz de Educación chamou a atención sobre estes novos recortes. “Despois de que pecharan os centros de ensino que podían xustificar pola perda de matrículas, agora van por centros que contan con alumnado suficiente e desenvolven a súa actividade con éxito e teñen programas recoñecidos para o alumnado con necesidades de atención específica”, explicou Rodil.

Na súa intervención a deputada nacionalista reclamoulle ao conselleiro menos prepotencia e máis diálogo para rectificar, e lembroulle que a súa comparecencia na Cámara veu precedida da presión dos país e das nais do alumnado afectado, “vostede está aquí porque o trouxo a dignidade destas familias”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG