Olalla Rodil: “O PP fai unha autoemenda á maior parte da súa política de prevención de incendios”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Lamenta que tiveran que  pasar “10 anos, catro persoas mortas e 50 mil hectáreas ardidas” para que o PP se decatara  do risco que supuñan as súas políticas dende o ano 2009

A deputada do BNG, Olalla Rodil afirmou hoxe na comisión de Economía, Facenda e Orzamentos que “ o Partido popular autoemenda a maior parte da súa política”.

A deputada rexeitou o uso que o PP fai  da  Lei de medidas fiscais e administrativas, a Lei de acompañamento, que cualificou de  “Lei ómnibus” e caixón de xastre para reformar leis á marxe dos propios orzamentos.

Rodil, sen embargo, amosou a súa satisfacción ante a posibilidade de chegar a acordos co grupo maioritario a pesar de que a lei de acompañamento reforme 20 leis dun plumazo durante un breve debate.  

De entre as leis reformadas, explicou,  “unha ducia foron impulsadas e aprobadas só polo Partido Popular”. Algunhas este ano, como a de  implantación e outras o ano pasado, como a Lei do Solo, “parcheada” na Lei de acompañamento de 2017, menos dun ano despois de aprobala.

“Sempre nos terán en fronte, mesmo rexeitando o uso da Lei de acompañamento como mecanismo de modificación de leis que nada teñen a ver, na súa maior parte,  coa execución dos orzamentos” reiterou a nacionalista que pasou a defensa das   emendas do BNG centradas en dous  eixos: A reforma da lei de Montes veciñais en man común  que o PP pretende  acometer de maneira absolutamente antidemocrática e  sen diálogo  coas comunidades. Dende o BNG, defendemos o, mantemento da propiedade comuneira impedindo a  discrecionalidade da Consellaría para  usurpar as asembleas e entregar a xestión do monte comunal a mans privadas, “a través da declaración do monte en grave estado de abandono”. E por otra,  a respecto das reformas que propoñen da Lei de prevención de incendios cómpre lembrar, que a “xa reformaran usando unha disposición última da Lei de montes en 2012”.

A parlamentaria reiterou que é preciso  ampliar as faixas de protección entre os núcleos de poboación, vivendas illadas, depósitos, parques e instalación industriais ou gasolineiras, entre outros, para fixar unhas distancias que protexan estes espazos e sobre todo  as persoas que se atopan neles. “Fixamos 400 metros de distancia do monte e 100 metros nas redes secundarias”. Ao seu xuízo, esta medida supón  “pór cordura ao que o Partido Popular desfixo desde 2009”

EMENDAS TRANSACCIONADAS

Olalla Rodil recalcou que o Partido Popular “fai unha emenda á totalidade” á boa parte da súa política de prevención de incendios é o triste é que tiveran que pasar “10 anos, catro persoas mortas e 50 mil hectáreas ardida para que se decatara do risco que supuñan as súas políticas dende o ano 2009”.

A parlamentaria  lembroulle ao Partido popular “as veces que pediu a restauración das faixas de protección” medida, dixo, que por outro lado  vostedes “reduciron” na Lei de Montes do ano 2011.

Para a deputada, as 20 emendas do BNG transaccionadas co Partido popular evidencia a política errática do goberno galego en materia de prevención de incendios e animou, ironicamente ao grupo maioritario na Cámara galega  a aproveitar os traballos que se iniciarán mañá na comisión de lumes para seguir avanzando na política de xestión do monte que precisa Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG