Olalla Rodil pide á Xunta que interveña para protexer o Patrimonio de Lugo en mans privadas

Olalla Rodil
Olalla Rodil

A deputada por Lugo Olalla Rodil reclamou no Parlamento a intervención da Xunta para preservar o rico patrimonio histórico e cultural de Lugo que está en mans privadas pero en condicións de deterioro e abandono, que mesmo pon en risco a pervivencia de edificacións emblemáticas.

“É un patrimonio que narra unha parte importante da historia do noso país, en ocasións emblema para as localidades nas que se asentan”, indicou no debate na Cámara, citando como exemplo a Torre do Batallón de Sarria, a Torre de Torés nas Nogais, elementos defensivos como Doncos, construcións derrubadas nas revoltas irmandiñas como a Torre de Caldaloba en Cospeito, o Castelo de Doiras, así como outros exemplos de arquitectura civil en toda a provincia.

Son todos bens privados “nun estado absolutamente lamentábel e cun notábel deterioro, como resultado da deixazón das familias propietarias”, indicou.

A iniciativa do Bloque pretende recuperar e poñer en  valor ese patrimonio e, por iso, propón “tomar as rendas desde a Administración para garantir o mantemento e a conservación destes bens, entendendo que o lexítimo dereito á propiedade privada conleva tamén unha responsabilidade cando estamos a falar de patrimonio”, explicou a deputada.

Neste sentido, o BNG considera que corresponde ao Goberno asumir a responsabilidade de manter este patrimonio “cando as persoas propietarias non poden ou non queren facerse cargo do mantemento dos bens, da súa posta en valor e conservación”. De feito, a Lei de Patrimonio Cultural de Galiza recolle a posibilidade de expropiación forzosa cando sexa causa de interese social por non se estar a cumprir coas obrigas de conservación.

O obxectivo non é apostar por unha expropiación de oficio de todos os bens citados, senón que esta posibilidade legal serva de acicate e iniciar os trámites administrativos para garantir a viabilidade deste patrimonio que pode converterse en elementos de dinamización social, económica e cultural.

“O noso patrimonio é tamén un recurso económico, por iso o BNG propón que  Xunta, deputación e concellos colaboren para potenciar o seu coñecemento e a súa divulgación configurando un recurso turístico e polo tanto económico, para as comarcas e a propia provincia de Lugo”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG