Olalla Rodil pide á Xunta que aporte máis recursos ao SUG para compensar a conxelación das matriculas

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil pide á Xunta que aporte máis recursos ao SUG para compensar a conxelación das matriculas

O BNG considera moi positivo o anuncio do Goberno da Xunta de conxelar un ano máis as taxas universitarias e baixar o prezo da matrícula daqueles mestrados que son obrigatorios para poder exercer a profesión, -como nos casos de dereito, profesorado ou psicoloxía-, pero demanda ao Executivo de Feixóo que compense ás universidades para evitar que perdan ingresos cando xa soportan cun sistema de financiamento de mínimos.

Os propios reitores das tres universidades galegas expresaron a súa preocupación publicamente declarando que o sistema universitario galego (SUG) “está por baixo dun mínimo necesario para manter un sistema público de calidade, xa que a parte de financiamento estrutural non chega nin para pagar as nóminas”, declaracións recollidas pola viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, na súa interpelación ao Goberno na Comisión de Educación.

“Concordamos con todas as medidas para reducir o custe que supón cursar estudos superiores para o alumnado e para as familias, máis custosos desde a implantación do Plan Boloña e a adaptación ao Espazo europeo de ensino superior, especialmente nos mestrados”, salientou Rodil, “pero esas medidas deben ir acompañadas dunha diagnose das consecuencias que terá en termos económicos para o SUG, máis se cabe nun país cunha matrícula minguante en número de estudantes”.

Neste sentido, o BNG demanda do Goberno que empece a compensar ás universidades polas carencias orzamentarias que arrastran desde fai anos,  “especialmente fortes entre 2012 e 2015”, e que empece a negociar coas equipas reitorais o futuro plan de financiamento tendo en conta que o actual rematará en 2020.