Olalla Rodil pide a TVG que rectifique e recupere mellorada a retransmisión dos premios María Casares

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Crítica a “soberbia” do director da CRTVG coa Asociación de actrices e actores e lembra a obriga do ente público de promover a cultura galega

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, criticou a actitude prepotente coa que o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, despachou a súa explicación de porqué este ano a televisión pública non retransmitiu a gala dos premios de teatro María Casares, que organiza anualmente a Asociación de Actrices e Actores de Galiza (AAAG).

A Rodil non lle convenceron os argumentos esgrimidos por Sánchez Izquierdo, e menos aínda o ton utilizado dando a entender que a responsabilidade era da propia asociación e que se debía a razóns puramente crematísticas, ademais de resaltar o baixo nivel de audiencia que, segundo informou na súa intervención no Parlamento, ten esa retransmisión.

Finalmente, as razóns económicas parecen que se limitaban a un incremento máximo de até 6.000 euros que a retransmisión do evento tería este ano para a TVG debido a unha sería de melloras na emisión que propoñía a asociación, proposta que a dirección do ente público considerou un escollo insalvable. De feito, e tras unha década de retransmisións, este ano non se puido ver a gala do premio a través do ente público.

Rodil recriminoulle a Sánchez Izquierdo a súa actitude de “soberbia” e lamentou que a proposta da AAAG para mellorar a retransmisión, mesmo solicitando que pasase  a emitirse pola primeira canle autonómica, merecese esa resposta tan airada.  “Houbo o atrevemento de poder cuestionar o seu traballo e pedir un encontro para contrastar propostas, pero consideraron que no seu cortixo non pode opinar ninguén”, criticou.

“Paréceme feísimo que reduza isto a unha diferencia de criterio por cuestións económicas, cando o que se pretendía era unha mellora de horario e pasar a primeira canle de TVG por parte da asociación”, salientou, ademais de lembrarlle a obriga da televisión pública de contribuír a difundir a cultura do país, entre ela a creación teatral.

En canto ao baixo índice de audiencia esgrimido, Rodil preguntoulle ao director que concretase cal era o nivel de audiencia medio nesa mesma franxa horaria un xoves na segunda canle galega, ademais de subliñar que a TVG é un servizo público e como tal debe “estimular, fomentar e educar en novos formatos”, porque unha audiencia tamén se crea.

A viceportavoz parlamentaria demandou da dirección da TVG que rectifique e volva facer unha retransmisión mellorada da gala de entrega de premios de teatro María Casares para o vindeiro ano. O que resulta inaceptable é a posición de “como non estamos de acordo non lle cubrimos nada e se queren que nos envíen imaxes, iso é peor que unha televisión privada cutre”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG