Olalla Rodil pide paralizar as obras do futuro parque eólico na serra de Oribio protexida pola Rede Natura

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Afirma que a maquinaria entrou na Serra de Oribio  sen contar coas autorizacións pertinentes
A deputada do BNG, Olalla Rodil formulou unha pregunta parlamentaria ao goberno relativa á  documentación necesaria da  empresa promotora das obras na Serra de Oribio, no Courel, e a verificación da Xunta sobre os posibles danos ocasionados pola maquinaria no patrimonio cultural. Ante esta circunstancia, Rodil pediu paralizar as obras.

A deputada afirmou que as obras do parque deron comezo ante a caducidade, no mes de decembro do 2019 da declaración de impacto ambiental. Por outra parte, asegurou “a maquinaria entrou na Serra de Oribio sen contar coas autorizacións pertinentes”.

Trala resposta do director xeral, Bernardo Tahoces, a nacionalista manifestou que resulta “inadmisible” que tras ser aprobada a protección da Rede Natura 2000 a Xunta esixa a aprobación dunha nova Declaración de impacto ambiental e preguntou que sentido ten aprobar a protección de espazos con “valor ecolóxico e patrimonial”, cando despois non se respectan.

Neste momento, dixo, sabemos que van a comezar co formigón e a colocación de zapatas , obras que provocarán “un grave prexuízo na Serra do Oribio” e danos irrecuperables nun espazo cun “alto grao de protección medioambiental”.

O proxecto no parque de Oribio, explicou Rodil, “foi modificado e inclúe unha liña de alta tensión”, como un proxecto diferente aprobado no ano 2019 e recalcou que dende o  ano 2009 existe a prohibición para  crear novos parques eólicos na Rede Natura.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG