Olalla Rodil pide luz e taquígrafos sobre a actuación de Patrimonio na desprotección do Castro das Flores

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Critica o arquivo das denuncias contra o servizo de Patrimonio de Lugo e pide dirimir responsabilidades políticas á espera do que decida a Fiscalía

A deputada por Lugo Olalla Rodil trasladou ao Parlamento as irregularidades denunciadas por Adega e Mariña Patrimonio sobre as actuacións levadas a cabo polo servizo de Patrimonio da Xunta en relación ao Castro das Flores situado entre os concellos de Lourenzá e Mondoñedo que, pese a estar catalogado como ben cultural, non recibiu a protección que lle correspondía.

Rodil considera moi grave que a entidade que debería ter velado pola preservación deste ben cultural actuase xusto en dirección contraria para favorecer os intereses económicos dunha canteira.

“Pido luz e taquígrafos sobre o que está a acontecer na servizo de Patrimonio de Lugo, se vai asumirse a algún tipo de responsabilidade se finalmente se corroboran as sospeitas pola actuación irregular deste servizo que incluso pretendeu saltarse os protocolos establecidos para descatalogar este ben patrimonial”, explicou a deputada na Comisión de Cultura.

Tamén fixo referencia ao feito de que se lle permitise á empresa que explota a canteira incumprir a súa obriga de protexer o castro para evitar que fose danado durante o desenvolvemento da súa actividade económica.

“Malia a existencia desde o ano 2000 de informes arqueolóxicos que advirten da protección que lle corresponde por estar inventariado e catalogado, e das denuncias realizadas en 2008, 2016 e 2017, o Servizo de Patrimonio de Lugo non só non actuou para evitar o avance da canteira senón que en 2016 propuxo excluír o Castro das Flores, de maneira ilegal e torticeira, do Inventario Xeral de Xacementos Arqueolóxicos”, denunciou.

“Só hai que ver as fotos aéreas para darse conta que a explotación mineira sobrepasou os límites da concesión autorizada, e o que ao BNG lle sorprende é que fixeran falta tantos anos e diversas denuncias, que fixera falta chegar á Fiscalía para que a Dirección Xeral de Patrimonio actuase”.

Para a deputada nacionalista, “non pode ser que de maneira reiterada e continua se estean arquivando denuncias cando se achega documentación que acredita que se está danando o patrimonio arqueolóxico deste país”, recalcou Rodil, quen preguntou se desde a Xunta se vai abrir algún tipo de investigación interna sobre a actuación do servizo de Patrimonio de Lugo e se vai asumir algún tipo de responsabilidade política á espera do que ditamine a Fiscalía.

Desde a Xunta, a directora xeral de Patrimonio, Carmen Martínez Insua, limitouse a defender a actuación desenvolvida polo servizo de Patrimonio, aínda que recoñeceu que había aberto un expediente de dilixencias informativas sobre a actuación do servizo de Patrimonio en Lugo en relación ao Castro das Flores.

Trátase dun castro situado entre os concellos de Lourenzá e Mondoñedo, incluído no inventario de Xacementos arqueolóxicos desde 1991 e catalogado desde 1995 (BOP) que foi destruído na súa práctica totalidade pola empresa propietaria dunha canteira situada nos límites do castro. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG