- A nacionalista criticou que o Goberno galego destine 93 M€ ao ensino privado concertado e 21M€ ao profesorado de relixión católica polo que pediu mobilizar parte destas partidas para incrementar o investimento na defensa e promoción da lingua a lingua galega, a creatividade artística e a recuperación da memoria histórica
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil lamentou que unha vez máis, o Partido popular non aceptara ningunha das emendas presentada na Comisión de Economía e Orzamentos nas partidas de Educación e Cultura, “o PP presume de diálogo pero hoxe volvemos a comprobar que isto é unha falsidade”, dixo a parlamentaria, tras anunciar Cesar Fernández Gil, portavoz popular, que votarían en contra das emendas do BNG.
“O proxecto do BNG, aposta polo ensino público, fronte ao privado-concertado. aposta pola lingua, a cultura e a creatividade artística dun país con imensas potencialidades, mesmo económicas e tamén na recuperación da memoria histórica, ámbito que ficou deserto de propostas e de orzamento desde 2009”, recalcou a deputada do BNG.
Rodil criticou que nos orzamentos do 2017 sexan investidos 93 millóns de euros públicos no ensino privado-concertado, “diñeiro que pagamos todos e todas” e 21 millóns de euros en profesorado de relixión católica.
Por outra parte, a parlamentaria tamén reclamou máis orzamento para investigación universitaria e destacou a campaña de crowdfunding que lanzou unha equipa investigadora encabezada polo doutor Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica do CHUS. Cando para financiar investigacións coma esta, centrada na biopsia líquida, as equipas teñen que recorrer ás microaportacións populares a través da rede resulta moi evidente a “falla dunha política en I+D+i”.
Máis recursos para normalización lingüística
A deputada tamén reclamou destinar 10 M€ para Normalización Lingüística. “Menos laiarse da perda de falantes e máis recursos económicos, materiais e humanos para pór en valor o noso, para lixar prexuízos e estereotipos, apostando pola riqueza dunha lingua que nos conecta con todo un abano de países, pobos e culturas no espazo lusófono”. Temos a posibilidade de abrir oportunidades culturais, artísticas mais tamén económicas e políticas coa lusofonía a través da CPLP porque “hai un mundo de oportunidades se nos decidimos a camiñar sen tutelas”.
Outros 10 millóns para impulsar a cultura cunha política cultural que torne a Agadic como dinamizadora das nosas industrias culturais, da mesma maneira que a SODEC (Quebeq) ou o ICIC (Cataluña). Os sectores privados da cultura galega xeran
riqueza, emprego e valor cultural e simbólico para a nosa sociedade. O que precisan, por tanto, son “políticas públicas que os fomenten, para facer visíbel a nosa identidade a través dunha produción cultural autónoma e feita na nosa lingua”.
Finalmente a deputada tamén abordou a necesidade de recuperar a memoria histórica polo que apuntou destinar 300 mil euros para “por negro sobre branco o que aconteceu no golpe de estado fascista e anos de represión”, recuperar San Simón como Illa da Memoria e dignificar ás persoas “represaliadas, paseadas e fusiladas”. A nacionalista tamén pediu difundir entre a mocidade o papel da resistencia antifascistas xunto co de todas as persoas que loitaron pola democracia, “galeguistas, anarquistas ou comunistas”. É de xustiza rachar co silencio que impuxo quen atentou contra a legalidade, concluíu.