Olalla Rodil pide dotar de profesorado o colexio Mestre José, vinculado ao Centro de Menores Santo Anxo de Rábade, tras un mes sen recibir aulas

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Afirma que a falta de profesorado deixou a cinco menores, tutelados pola Xunta,  sen docencia durante  un mes, decisión  que noutra circunstancia sería penalizada por educación, servizos sociais e a propia xustiza

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil demandou dotar de profesorado e recursos o Colexio Mestre José, vinculado ao Centro de Menores Santo Anxo de Rábade,  tras un mes sen recibir aulas.

A nacionalista explicou que cinco menores tutelados pola Xunta permaneceron sen escolarizar no colexio Mestre José, no inicio do curso en setembro e outubro e preguntou que pasaría  se unha nai ou un pai decidira deixar sen escolarizar durante un mes aos seus fillos e fillas. Con toda probabilidade, dixo “esta decisión sería penalizada por Educación, Servizos Sociais e a propia xustiza”. Pero, que acontece cando é a administración, a Xunta de Galiza, vostedes, quen deixan sen escolarizar a menores tutelados que ademais están nun centro de protección por orde xudicial?"

O acontecido, recalcou foi unha decisión da Consellaría de Educación e lembrou que os menores están tutelados pola Xunta con medidas xudiciais en vigor.

Até agora, engadiu Rodil, o centro funcionou con normalidade cunha dirección e profesorado propio pero Educación decidiu enviar a ese profesorado a outros centros.  En outubro, un mes despois de empezar o curso, reabriron o colexio pero só con dúas profesoras contratadas a media xornada e en  itinerancia porque están adscritas ao colexio de Albeiros, a media xornada. Cada unha delas imparte 9 horas lectivas en días alternos. “Iso é menos do horario lectivo de calquera estudante deste país”.

Para a deputada, a administración está tratando ás e os menores como “cidadáns de segunda” a pesar de estar baixo a súa responsabilidade. “Teñen menos profesorado e menos horas de docencia”. Non é lóxico que tras un mes sen escolarizar agora as clases sexan impartidas por dúas profesoras a media xornada, así, recalcou Rodil “non se garanten os dereitos educativos dos e das menores”.

Dende o BNG pedimos  explicacións polo acontecido  pero sobre todo que  “doten de maneira inmediata o centro educativo Mestre José de profesorado e recursos para garantir o dereito á educación do alumnado”. A deputada pediu á Xunta que cumpra a lei que regula os centros de menores e de atención á infancia garantindo o mantemento, apoio psicosocial e educativo con especial atención ao seguimento escolar e formación das habilidades básicas.

Tras a resposta do director xeral de Centros e Recursos, da consellaría de Educación, Jesús Manuel Álvarez  que recoñeceu o acontecido no Centro de Menores Santo Anxo de Rábade, a deputada do BNG agradeceu  que o membro do goberno non o negara “como fixo a Xunta no momento que o BNG realizou a denuncia”. Agradézolle, dixo, que recoñeza o que pasou e recoñeza a “falta de axilidade para garantir os dereitos educativos dos e das menores deste centro”.

 A deputada tamén  lembrou que o centro depende de dúas consellarías distintas, Educación e Política social e ambas deberían tomar como exemplo este caso para revisar os procedementos,  protocolos e  grao de “colaboración” entre as dúas áreas do goberno responsables.

Rodil  insistiu na necesidade de dotar de profesorado suficiente o centro  para garantir a educación dos menores cos “máximos niveles de calidade” porque mantendo só dúas profesoras isto non será posible. As consellarías de Educación e Política Social deben analizar o que pasou neste curso para que non se repita nos vindeiros anos e que os rapaces e rapazas do Santo Anxo reciban a educación  á que teñen dereito, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG