Parlamento Galego

Olalla Rodil: “Normalizar o galego é que deixe de ser unha lingua estranxeira”

Intervención Olalla Rodil
Intervención Olalla Rodil
  • A  nacionalista pediu o apoio do grupo maioritario do Partido popular para derrogar  o decreto 79/2010  e aplicar, “de maneira efectiva”,  a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral.

A  deputada e portavoz de Educación do BNG,  Olalla Rodil defendeu hoxe, a través dunha proposición non de lei, cumprir a Lei de Normalización Lingüística  trala “expulsión da lingua galega das aulas”. Na defensa da proposta, a parlamentaria tamén reclamou “derrogar o decreto”  polo cal non se poden impartir materias cientifico-tecnolóxicas en galego.

A través da Federación de Ensino da CIG e da Mesa pola Normalización Lingüística soubemos, explicou Rodil, das horas lectivas impartidas en galego e en castelán ao alumnado de secundaria logo da combinación explosiva do  “cóctel molotov, do decretazo e a LOMCE”.

Menos do 15% das materias en lingua galega

A deputada asegurou que o Decreto 79/2010,  aprobado co rexeitamento dos axentes sociais, asignaba 24 horas lectivas en lingua galega na ESO e  coa aplicación da LOMCE esa “discriminación lingüística” nas aulas endurécese  ao recibir  o alumnado de secundaria  31 horas en español e apenas 18 horas en galego.

Esta realidade, engadiu a deputada,  “contravén a Lei de Normalización Lingüística (1983) e o Plan Xeral de Normalización Lingüística (2004), normas que emanaron desde o consenso que tanto pregoan vostedes pero que ben pouco practican”.

Diante da realidade sociolingüística que atinxe o país e que poñen en evidencia os datos máis recentes publicados polo IGE e que sitúa os niveis de uso do galego entre a mocidade en “mínimos históricos”, o que pedimos hoxe con esta iniciativa é que garantan, cando menos, a mesma presenza de horas lectivas en galego e en castelán nas aulas de secundaria, e por suposto nas idades máis temperás.

A parlamentaria do BNG volveu reclamar  a derrogación  do decreto 79/2010 porque a todas luces, recalcou,  “nin vostedes mesmos o están a cumprir”. Apliquen de maneira efectiva a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral.

A escola é un dos principais axentes de socialización e o uso do galego como lingua vehicular no ensino é o primeiro chanzo para garantirmos o seu uso habitual entre a mocidade. Díxenllo ao conselleiro en Comisión: “Estamos enviando unha mensaxe moi clara ás xeracións máis novas,  se na escola apenas se usa o galego, se na contorna familiar e de amizades non se emprega e nos medios de comunicación é residual, para que nos serve?

Se queren de verdade normalizar a lingua galega neste país e que deixe de ser unha lingua estranxeira para boa parte da nosa mocidade, “garantan a súa presenza nas aulas”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG