Olalla Rodil insta á Conselleira de Educación para que retire a relixión do currículo escolar

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Denuncia a obrigatoriedade do  alumnado que opta por Antropoloxía, Robótica ou Coeducación a  elixir Relixión católica  para cumprir coa carga horaria obrigatoria

A portavoz de Educación do BNG, Olalla Rodil, a través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, pediu modificar as cargas horarias das materias de libre configuración e iniciar accións para suprimir a materia de Relixión no currículo escolar.

Rodil   explicou que a distribución horaria das materias de bacharelato recollida no Decreto 86/2015  estabelece o currículo de secundaria e Bacharelato, xunto coa carga horaria fixada para as materias de libre configuración autonómica que o  alumnado  debe cursar, “dúas materias troncais de opción e mínimo  dúas  e  máximo de tres específicas”.

Tendo en conta que a relixión, dixo,  ten unha carga horaria dunha hora dentro das materias específicas e que  o estudantado debe  cursar como mínimo dúas desta modalidade, aquel que opta por Antropoloxía, Robótica ou coeducación, está abocado, en moitos centros galegos, a elixir Relixión católica aínda que o centro teña unha materia de libre configuración dunha hora.

A parlamentaria utilizou o exemplo dun estudante de 1º de BAC que elixe cursar como materia específica, debuxo artístico (3 horas) e Coeducación de libre configuración (2h) pero debe  elixir obrigatoriamente Relixión (1h) porque é a única específica dunha hora e non hai  outra combinación posible polo que asegurou, “estamos diante dunha situación que conculca os dereitos do alumnado que se ve obrigado a cursar unha materia en contra da súa vontade, unha materia  de carácter puramente confesional”.

Para o BNG o “ensino debe ser galego, público, científico, feminista e laico” e, polo tanto, calquera tipo de confesión relixiosa  debe quedar á marxe do ámbito público. A nosa posición é clara e taxativa, afirmou Rodil,  “profesar  calquera crenza relixiosa é unha cuestión estritamente privada e debe estar  fóra das aulas”.

Tras a resposta da conselleira de Educación, a parlamentaria do BNG preguntou se o goberno galego prefire que o alumnado non curse Coeducación porque consideran que a relixión debe continuar no currículo como materia específica. En opinión da nacionalista, resulta terrible que a consellería considera “prescindible o pensamento feminista, a igualdade de xénero ou a coeducación, pero non o Xénese que di que as mulleres saímos da costela dun home”. E reiterou que “non existe elección se só existe unha combinación posible”.

A nacionalista emprazou á Xunta a defender a eliminación de relixión do currículo escolar pero tamén a adoptar medidas necesarias para que ningunha persoa estudante se vexa obrigada a cursar esta materia. “Supriman a obriga de cursar dúas materias específicas como mínimo ou dean a consideración de específica ás materias de libre configuración autonómica ou oferten outra materia específica dunha hora”, reiterou Rodil.

“Teñen capacidade para facelo, o que pasa é que non queren”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG