Olalla Rodil esixe ao PP manter os informativos locais e o Diario Cultura da Radio Galega

Concentración de traballador@s da CRTVG
Concentración de [email protected] da CRTVG

A deputada do BNG vincula a supresión dos informativos locais da Radio Galega a un “apagón informativo” de cara as eleccións municipais. Queren controlar a información das cidades do mesmo xeito que fixeron para ocultar a sentencia da Gürtel

Denuncia a desaparición do Diario Cultural, diluído no resto da programación da radio pública, e lembra que a CRTVG custa 100 millóns de euros

Olalla Rodil esixe ao PP manter os informativos locais e o Diario Cultura da Radio Galega

A deputada do BNG, Olalla Rodil vinculou a “supresión dos informativos locais da Radio galega a un “apagón informativo” cara as elección municipais. A través dunha pregunta parlamentaria ao director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, a nacionalista asegurou que con este “apagón” o Partido Popular pretende controlar a información das cidades ao igual que fixo na  Televisión de Galicia coa sentencia da  Gürtel.

Ademais, criticou a desaparición do programa “Diario Cultural” diluído no resto da programación da radio galega e  lembrou que os medios públicos custan a todos os galegos e galegas 100M€.

“Suprimen un dos  elementos fundamentais do servizo público que debe rexer a Corporación que vostede dirixe e que custa ás galegas e os galegos 100 millóns de euros ao ano, incluído o seu salario”, manifestou Rodil.

Coincidindo co debate da pregunta do BNG, os traballadores e traballadoras da CRTVG concentrábanse nas inmediacións do Parlamento para rexeitar a supresión dos informativos locais e do programa  Diario cultural, “quere explicarlle ás traballadoras e traballadores da CRTVG que están fóra, por que as galegas e galegos que manteñen os medios públicos deste país, van ter que encender emisoras privadas para saber o que acontece nas súas cidades? preguntou Rodil ao director da CRTVG.

A televisión e a radio públicas de Galiza constitúen, ademais dun servizo público, un dereito fundamental para a poboación do noso país. A radio e a televisión públicas naceron para garantir o acceso a unha información próxima, a unha información plural que poña o foco na realidade galega e que contribúa a normalizar a lingua propia, e a  promocionar e difundir a cultura deste país, como recolle a Lei de medios audiovisuais públicos de Galiza, explicou a nacionalista.

“Desde o BNG, pedímoslle que manteñan os informativos locais, que cumpran coa obriga de servizo público que ten a Corporación e que reforcen  as delegacións, na actualidade mermadas”.

Vostedes, dixo,  pecharon no ano  2010 as delegacións de Ferrol, Burela e Pontevedra e agora queren apagar a información local de Lugo, A Coruña, Vigo, Santiago, Ourense. “Que pretenden con este apagón? Controlar a información das cidades da mesma maneira que fixeron esta semana no telexornal para ocultar a sentenza da Gürtel?, Resulta “obsceno” afirmou. 

Ao  apagón dos informativos locais, oponse   o Colexio de Xornalistas de Galiza; as traballadoras e traballadores da CRTVG ( de feito, ten  vostede enriba da mesa ducias de sinaturas); o pleno da Deputación da Coruña, da Deputación de Ourense, o Concello de Santiago, o de Lugo e até o pleno municipal de Vigo, por unanimidade, incluídos os votos do Partido Popular. 

A viceportavoz do Bloque aludiu  á desaparición do Diario Cultural que cualificou de  un referente radiofónico cultural do país o do que dixo, “ten tantos anos coma min”. O Diario Cultural quedará diluído dentro da programación xeral da emisora pública, pese a que a CRTVG ten entre os seus obxectivos contribuír a normalizar a lingua propia, a promocionar e difundir a cultura galega e a defensa da identidade de Galiza, concluíu.