Olalla Rodil defende o recoñecemento legal da lingua de signos galega que non prospera polo veto do PP

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Salienta que si está recoñecida a súa homónima en catalán

Olalla Rodil defende o recoñecemento legal da lingua de signos galega que non prospera polo veto do PP

O BNG, a través da viceportavoz parlamantaria Olalla Rodil, defendeu na Cámara o recoñecemento legal da Lingua de Signos Galega cunha proposición non de lei na que se pedía iniciar o proceso de recollida do material necesario para a elaboración do corpus desta lingua, como parte fundamental do patrimonio social, histórico e lingüístico do noso país.

A deputada nacionalista lembrou que en Galiza a lingua de signos oficial é a española de acordo coa Lei 27/2007, pola que se recoñecen as linguas de signos españolas, entre as que se inclúe a Lingua de Signos Catalá. “Sen embargo, no noso país malia existir signos propios que evidencian a existencia dunha variante específica, nunca se desenvolveu unha investigación académica en profundidade sobre os mesmos que permitise elaborar un corpus”, salientou na comisión parlamentaria de Educación e Cultura onde o PP votou en contra da iniciativa do BNG.

Rodil citou o estudo de 2016 da investigadora da Universidade de Santiago de Compostela Cristina González Abelaira, “que dá conta da existencia dunha variedade lingüística diferente no noso país que pode perderse pola falta de estudo, aprendizaxe e difusión”.

A viceportavoz explicou que esta proposta parlamentaria xurde despois dunha reunión coa Asociación de persoas xordas de Santiago de Compostela e do traballo desenvolvido polo experto e autor de numerosos estudos sobre este tema, Andrés Caamaño, así como do proxecto levado a cabo polo Centro de Formación e Recursos do Profesorado de Ferrol que elaborou o Dicionario de Lingua de Signos Galega (DILISGA).

O Bloque considera fundamental que a Xunta de Galiza “promova o estudo desta lingua signada galega, pois permitiría preservar este importante patrimonio cultural e lingüístico ao tempo que promovelo e dalo a coñecer entre o conxunto da sociedade”, argumentou a deputada nacionalista. “Lamentamos que o PP non permitise aprobar esta iniciativa a favor do patrimonio galego”, concluíu tras o debate en comisión.