Olalla Rodil defende no Parlamento un tren de cercanías do século XXI para Lugo ante o veto do PP

Olalla Rodil
Olalla Rodil

“Non é normal que para ir entre Lugo e Santiago tardemos cinco horas e paguemos 30€ mentres o traxecto A Coruña-Santiago se fai en 28 minutos e custa 7,35€. Temos os mesmos dereitos”, alegou

A deputada por Lugo, Olalla Rodil,  defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para que a provincia de Lugo teña un tren de cercanías “propio do século XXI” tanto en tarifas, horarios como en tempos de traxectos, que comunique aos veciños e veciñas co resto do país como xa existe no denominado Eixo atlántico.

“Seguiremos traendo ao Parlamento todas as iniciativas que fagan falta para conseguir a mellora do transporte ferroviario en Lugo, porque os nosos veciños e veciñas pagan impostos igual que calquera. Non é normal que para chegar a Santiago tardemos case cinco horas e paguemos 30 euros mentres que se facemos a viaxe entre A Coruña e Santiago por tren leve 28 minutos e 7,35 euros”, salientou Rodil, quen lamentou o veto do PP a esta iniciativa. “Lugo tamén existe aínda que o PP se empeñe en negalo”, recalcou.

Rodil solicitou un Plan de compensación para o sistema ferroviario galego que pase pola transferencia a Galiza das competencias en materia de ferrocarril interior, como xa teñen Euskadi, Catalunya, Valencia ou Andalucía e tal e  como acordou de maneira unánime o Parlamento galego o 22 de setembro de 2009.

Transferencia, -dixo-, “que debe ir acompañada do orzamento correspondente, da mellora das frecuencias e da modernización das liñas”. Que Lugo sexa en 2018 a única cidade do país capital de provincia sen conexión directa con Compostela “debera sacarlle as cores ao PP e poucos argumentos máis farían falta para deixar en evidencia o escandaloso estado do tren na nosa provincia”, alegou.

Rodil tamén reclamou na súa proposición non de lei abrir unha mesa de negociación co Goberno español para asumir a xestión ferroviaria a través dun ente público galego, “para dunha vez por todas coller o tren e con el as rendas do noso propio futuro”, demandou, desde a consideración de que o tren é un elemento clave na cohesión territorial e social, “e non se pode permitir unha Galiza de dúas velocidades que deixe atrás o interior,  porque a veciñanza de Lugo non pode ser tratada como cidadanía de segunda”.

Pese ao voto en contra do PP, Rodil anunciou que seguirá levando ao Parlamento novas iniciativas “para conseguir, máis pronto que tarde, que Lugo teña un tren do século XXI”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG