Parlamento Galego

Olalla Rodil: “A Cidade Cultura leva o 14% do total dos orzamentos, a costa do audiovisual e das axudas para libros de texto”

Olaia Rodil en Comisión de Cultura
Olalla Rodil na Comisión de Cultura
  • A nacionalista cualificou de “insuficientes” os orzamentos presentados hoxe polo conselleiro de cultura e criticou a subida salarial de Feijóo e a súa equipa de goberno, nun 7%, cando o gasto previsto pola Xunta para Ensino só aumenta o 2,9%

A deputada do BNG, Olalla Rodil cualificou hoxe os orzamentos da Consellería de Educación e cultura de “insuficientes” a tenor das contas presentadas polo conselleiro Román Rodríguez.

Para a deputada o máis expansivo do proxecto de contas é “o salario de Feijóo e a súa equipa de Goberno cunha suba do 7%”, cinco vez máis que o gasto financeiro previsto pola Xunta para o Ensino que só aumenta a penas un 2,9%.

EDUCACIÓN

A parlamentaria debullou as contas das que salientou a perda de máis de 757 M€ en relación ao ano 2012 e máis de 1.950 Millóns dende o 2009. Entre as partidas conxeladas están os servizo de comedores e transporte escolar onde manteñen os distintos modelos de xestión, a pesar das criticas das AMPAS, situación que confirma a postura da Xunta, do que se desprende que non teñen pensado acometer ningunha variación sobre servizos complementares.

Por outra banda, a nacionalista denunciou tamén os recortes en axudas para “adquisición de libros de texto e material escolar,en máis de 5 millóns de euros en 2017”. Chegaron vostedes á Xunta, suprimindo o programa de gratuidade de libros de texto e agora por riba “recortan nas axudas que dan ás familias”. Uns cartos que non se ven compensados tampouco co Fondo Solidario que crearon no mesmo programa (423A) e que está dotado con 3 millóns de euros.

Navallada no orzamento para investigación

“Navallada tamén de 4 millóns de euros nas axudas deste ano para a contratación de persoal investigador e tecnólogo nas Universidades”. Programa 561B, pasa de 9 millóns en 2016 a 5 millóns en 2017 e iso que viñamos de perder outros 4 millóns a respecto de 2015.

Ademais, Rodil referiuse tamén ao O Plan Galego de Financiamento Universitario (PGFU) do que dixo aumenta levemente a respecto do exercicio anterior en conxunto, cousa da que nos aledamos, mais perde 5 millóns de euros en fondos estruturais que se suman aos 13 millóns recortados no exercicio anterior. Hai que ter en conta, recalcou que “esta partida é a principal fonte de financiamento das Universidades públicas do noso país”.

CULTURA

En Cultura, manifestou a a nacionalista, “recortaron o 44% do investimento entre 2010 e 2014” segundo os datos do anuario publicado polo Ministerio de Educación, unha variación entre o 2016 e 2017, do 0,6%.

Neste apartado tamén hai cousas ben curiosas. Mentres a Cidade da Cultura mantén intacto o seu Orzamento ,11 millóns de euro, que representa o 14% do total, “o investimento real (432A) para a edición do libro en galego perde 200 mil euros en 2017”; os fondos para Feiras en Galiza pasan de 150 mil a 30 mil e nas Internacionais navallan outros 200 mil euros.

Máis cartos para a Fundación Camilo José Cela que para o audiovisual

Facendo unha comparativa invisten vostedes máis na Fundación Cela ,máis de 257 mil euros, malia as irregularidades denunciadas na súa xestión, mentres fulminan os fondos destinados ao fomento do audiovisual cuxo orzamento é “cero euros” para o ano 2017 dos 283.500 que tiña en 2016.

“É unha cuestión de prioridades señor conselleiro, “vostedes prefiren investir en sacos sen fondo como a Cidade da Cultura en troques de promover a creación cultural no noso país, sexa en forma de libro ou de filme”.

PATRIMONIO

Neste ámbito dixo, seguimos agardando pola declaración de BIC da Cova Eirós, en Triacastela, a chamada “Atapuerca galega” que ten unha cementeira riba dela practicando detonacións a diario. Un espazo único que garda, entre outras moitas cousas, as únicas pinturas rupestres do noroeste peninsular e a cuxa solicitude de declaración BIC presentada por ADEGA en 2014 aínda non responderon.

NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A parlamentaria afirmou que o investimento de 6,8 millóns de euros é o mesmo que o do ano 2016 mantendo o “recorte” acometido polo goberno de Feijóo. A deputada preguntou en que foron investidos os Orzamentos do pasado ano xa que a primeira iniciativa que rexistrou nesta lexislatura o grupo que sustenta o goberno foi “instar á Xunta a deseñar, da man de axentes sociais, medidas específicas para os grupos de idade máis novas, malia que os datos de perda de galegofalantes foron publicados no 2014”.

Quizais teña a ver co feito de que vostedes aprobaran, e teimen en seguir mantendo, o coñecido decretazo, o 79/2010, unha medida que continúa a expulsar a lingua galega das aulas como puidemos comprobar recentemente nun sinxelo cálculo despois da aplicación da LOMCE.

“Un estudante de ensino secundario no noso país recibe 13 horas lectivas menos en galego que en castelán nas materias aplicadas e 10h nas académicas. Un cóctel molotov contra a normalización de usos da lingua propia e contra un dos alicerces básicos do que vostedes deron en chamar dinamización lingüística” recalcou Rodil.

Se como din vostedes o compromiso do goberno da Xunta é reverter a perda de falantes e promover entre a mocidade a idea de que o galego é unha lingua útil e con proxección internacional no espazo que ocupa a lusofonía, “derroguen o decretazo, desenvolvan de facto o PXNL e comecen a pór en valor o idioma propio deste país non só nas aulas, tamén nos xulgados, na sanidade, nas rúas e por suposto, nos medios de comunicación”. Modifiquen os criterios de asignación dos fondos para normalización lingüística en prensa, rachen co criterio de difusión e esixan que se use, alén dun breve en cultura ou na columna de opinión, a lingua propia deste país, concluíu a nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG