PARLAMENTO GALEGO

Olalla Rodil apela ao demoledor informe do Consello de Europa para que a Xunta derrogue do decretazo contra o galego

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Denuncia que o plan para incentivar o uso entre a mocidade exclúe aos menores de 14 anos pese a que o galego perde posicións nesas idades
Olalla Rodil apela ao demoledor informe do Consello de Europa para que a Xunta derrogue do decretazo contra o galego

A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, levou ao pleno o informe do Consello de Europa do que emana un texto de obrigado cumprimento como é a Carta europea ratificada polo Estado español en 2001, unha institución que, explicou, “leva tres informes advertindo á Xunta polo incumprimento das obrigas recollidas na Carta e pedíndolles que respecten e garantan os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos”.

En liña co que tantas veces ten solicitado o BNG, o Comité de Europa “reclama a supresión inmediata das limitacións á docencia en galego en todos os niveis do ensino, limitacións que o PP impuxo en 2010 dinamitando o consenso lingüístico expresado no Plan Xeral de Normalización de 2004”, salientou, tras criticar “que fagan o que sempre fan: desprezar a que non lle da a razón”.

O decretazo  limita ao  33% a presenza da lingua galega nas aulas e prohibe impartir docencia de matemáticas, de física e química e de tecnoloxía en galego. Rodil fixo fincapé na súa pregunta ao Goberno no feito de que o Consello de Europa sexa especialmente critico coa exclusión do galego na etapa pre-escolar.

“Igual pensan no PP que o comité de expertos desta institución europea son secesionistas, ou peor, do Bloque”, ironizou Rodil, antes de reclamar do Executivo de Feixóo que “escoite” o que di este comité de expertos, pero tamén a Academia galega, a Mesa pola Normalización Lingüística ou o Consello da Cultura.

“Derroguen o decreto de 2010 e garantan os dereitos lingüísticos das galegas e dos galegos”, reclamou, ao tempo que lembraba que  o plan de normalización lingüística na mocidade no conta “cun un euro” nos orzamentos de 2020.  

“Nin sequera o investimentos que prevían na memoria económica do plan”, pese a que o galego está a perder posicións entre a xente nova. “Un plan que exclúe, deliberadamente, as persoas menores de 14 anos cando é nestas etapas entre as que peores datos sociolingüísticos atopamos”, denunciou, ante un conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que se limitou a presumir de datos tras cuestionar o método de avaliación do Consello de Europa.