Galegas 2020

Olalla Rodil animou ás persoas indecisas “a votar ao BNG para crear entre todas unha nova Galiza”

Acto Sarria
Acto Sarria

A candidata do BNG pediu, no acto de peche de campaña en Sarria, “que este domingo ninguén quede na casa para traducir en votos o apoio recibido durante a campaña”

Olalla Rodil afirmou que “estamos máis preto que nunca de facer historia e poñer por primeira vez a unha muller nacionalista á fronte da Xunta de Galiza”

No acto de peche de campaña do BNG en Sarria, a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, pediu o voto ás persoas “indecisas e desencantadas con estes últimos once anos de goberno do PP”. Rodil dixo que “imos facer unha nova Galiza e para iso precisamos o apoio de todas as galegas e galegos”. Olalla Rodil lembrou no acto que “nestas dúas semanas de campaña demostramos que somos a única proposta que pode dar a volta os 11 anos de recortes do Partido Popular”, e pediu o voto para o BNG “a todas as persoas que durante esta campaña viron no proxecto do BNG, con Ana Pontón á fronte, un proxecto serio, válido e ilusionante”.

“Temos que transformar en votos todos os apoios que recibimos durante a campaña para conseguir que a situación deste país empece a mellorar a partir do domingo”, afirmou Olalla Rodil, que engadiu “non se trata só de botar ao Partido Popular, o BNG demostrou xa en concellos, deputacións e na propia Xunta de Galiza que ten experiencia en gobernar, e os gobernos do BNG sempre benefician ás persoas”.


Olalla Rodil pediu o voto “de todos os galegos e galegas, independentemente do que votaran con anterioridade para levar adiante un proxecto capaz de sacar Galiza adiante”. Segundo Olalla Rodi, “o BNG é a garantía dun goberno que só mire para Galiza, sen ningunha dependencia de Madrid”. A candidata do BNG afirmou que “o proxecto do BNG está máis cerca que nunca de facer historia e facer de Ana Pontón a primeira muller nacionalista presidenta da Xunta de Galiza”.

Olalla Rodil pechou campaña nun concorrido acto público xunto con militantes e simpatizantes do BNG, onde tamén participou a número 3 da candidatura, Carme Aira, a do BNG en Sarria, Mónica López e o deputado provincial e voceiro da fronte na vila, Efrén Castro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG