Olalla Rodil: “Que agocha o PP para negarnos as audiencias da radio e televisión galegas?”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Reclamou a remisión mensualmente dos datos de audiencia e un informe con carácter anual

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil defendeu hoxe unha proposición non de lei para reclamar o envío  do índices de audiencia da radio e televisión galega. Para a deputada, os grupos parlamentarios teñen dereito a estes datos dende o punto de vista, dixo, “da transparencia e dereito á información” e preguntou “que ten que agochar o Partido popular para negar ao Parlamento as audiencias despregadas por franxas horarias e programas?”

Rodil lembrou que a dirección xeral da CRTVG apela sempre nas súas intervencións parlamentarias ás  audiencias para “xustificar, lexitimar e defender as decisións que se adoptan a respecto da programación, da xestión de persoal e da aposta por diferentes  formatos  na radio e na televisión. Pero no Parlamento, dixo,  “ non contamos coa información real  nin detallada desas audiencias desagregadas por franxas horarias e programas o que supón unha importante eiva para desenvolver o noso traballo”.

Estes datos, explicou son unha ferramenta fundamental para “poder  avaliar o éxito ou fracaso da programación, as potencialidades das distintas franxas horarias, así como para analizar as posibilidades de explotación dos espazos publicitarios” que son, de acordo coa Lei 9/2011 de medios públicos audiovisuais de Galiza, “unha fonte de financiamento da Corporación”, a pesar de non   ser  máis do 8% dos ingresos anuais, e iso “tirando polo alto” xa que a CRTVG financiase no 90% con fondos públicos.

A deputada defendeu que o Parlamento ten dereito a mesma   información que calquera directivo da CRTVG, “é unha cuestión de transparencia” de poder realizar a nosa función “sen trabas”. Precisamos os datos de audiencia para constatar que os cambios de programación están xustificados  en función do público, na escolla de xéneros e condicionados á criterios de servizo público e non “á vontade dos directivos da CRTVG ou criterios do Partido popular”.

A proposición non de lei defendida pola deputada Olalla Rodil foi rexeitada polo Partido popular que argumentou que a iniciativa nacionalista “ incumpre a lei de Medios” ao que a deputada replicou que o  Partido popular “ampara o incumprimento sistemático desa lei no referido ao   Estatuto profesional, ao Consello de informativos, a sinatura de contratos programa e a creación de autoridade audiovisual”. Tildou de “escusa barata” os argumentos do PP para vetar a iniciativa e reiterou que a proposta do BNG “ é legal” polo que anunciou que seguirá defendendo o dereito a contar con esta información. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG